Ana Pontón reivindica o patrimonio marítimo de Galiza na XII edición de embarcacións tradicionais en Combarro
Visita institucional ao concello do Poio onde se reuniu co goberno local e diversos colectivos económicos e sociais
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón realizou hoxe unha visita institucional ao concello de Poio onde foi recibida polo rexedor nacionalista, Nito Sobral, a corporación municipal e membros da formación nacionalista. Asemade, mantivo diversos encontros con colectivos económicos e sociais e asistiu á XIII edición do Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galiza que se está a celebrar en Combarro onde afirmou, “temos o patrimonio máis importante de Europa e debemos poñelo en valor”. Neste sentido asegurou que existen outros lugares, como Irlanda ou Escocia cun grande potencial que fixeron do seu patrimonio, material e inmaterial, “un activo, social cultural e económico”.
Para a portavoz nacionalista é necesario realizar “un inventariado” do patrimonio vinculado co mar e dende a Xunta apoiar todo o labor que está a desenvolver a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, “como incentivo para o importante potencial turístico neste ámbito”.
Tras a xuntanza coa corporación municipal, a líder do BNG comprometeuse a trasladar ao Parlamento galego as demandas do concello de Poio entre as que destacou: “a dotación de solo industrial e a mellora das condicións da seguridade viaria na principal arteria que une Poio con Saxenxo”.
Na xornada da tarde, Ana Pontón tamén se reuniu con membros da AMPA do CEIP de Chancelas para abordar entre outras problemáticas, o desdobre para rebaixar o número de alumnos por aula e contratación de profesorado.