Ana Pontón reivindica en Ferrol a vixencia do “inmenso” legado político de Castelao, “figura central” do nacionalismo galego

Ana Pontón en Ferrol
Ana Pontón en Ferrol

“Se hoxe fose deputado defendería as mesmas posturas do BNG”, subliña para rexeitar calquera visión manipulada do seu pensamento  

Chama a continuar a súa obra dende o amor a Galiza na defensa da lingua, o autogoberno, os recursos e sectores propios e as políticas sociais igualitarias

A portavoz nacional, Ana Pontón, reivindicou en Ferrol a vixencia do “inmenso” legado político de Castelao, “figura central” do nacionalismo galego, do que dixo estar convencida que se “hoxe fose deputado no Parlamento galego subiría á tribuna para apoiar as mesmas posturas que hoxe defendemos dende o BNG”.

Así o afirmou no acto conmemorativo do Ano Castelao que o BNG e a Fundación Galiza Sempre organizaron en Ferrol, no marco do programa que, baixo o lema ‘Castelao, Nacionalista Galego’, están a desenvolver neste 2025 ao longo do País, e no que tamén interviñeron o portavoz municipal, Iván Rivas, e o escritor e divulgador, Manolo Rei.

Pontón apuntou a Castelao como a figura que trazou o verdadeiro programa político do nacionalismo” e rexeitou calquera intento de manipulación ou visión reducionista sobre a súa memoria, dado que as súas ideas, subliñou, “constrúen o noso discurso, o das persoas que traballamos por unha Galiza máis xusta, que decida por si mesma, que se goberno, que non padeza discriminacións, que teña un futuro próspero e que non se deixe asoballar por quen quere aproveitar os nosos recursos e roubarnos os nosos beneficios”.

Nesta liña, defendeu a necesidade de recuperar a figura de Castelao na súa integridade e defender a súa vixencia non como unha obra conxuntural, senón como un grandioso monumento político que continúa erguido.

“Precisamos seguir o seu ideario e defender o dereito de Galiza a existir e a decidir o seu destino, a nosa lingua -que o PP situou en mínimos históricos despois de 15 anos de políticas lingüicidas-, a nosa terra fronte a proxectos como Altri que ameaza a destrución do noso medio ambiente e dos nosos sectores produtivos, a ou infraestruturas básicas galegas e públicas ante á discriminación á que nos someten día tras día”, afondou.

De igual xeito, a portavoz do BNG considerou necesario continuar tamén na defensa de “políticas sociais igualitarias” que garanten, exemplificou, o dereito á vivenda ou ao traballo, concepción da igualdade e a xustiza social que tamén están presentes na obra de Castelao.

Pontón repasou a vixencia do seu legado a través de distintas imaxes da súa obra, poñendo o foco sobre a lingua, o autogoberno, a defensa dos recursos naturais e os sectores produtivos propios fronte ao espolio, coa conivencia do Goberno do PP, das eléctricas e multinacionais como Altri, ou a obriga de combater a actual onda neofascista.

Por último, a líder nacionalista recalcou “a grandeza” e condición política de Castelao que, “nin o desterro conseguiu apagar”, e que foi quen, dende o exilio, de deseñar e crear o goberno que Galiza precisaba, converténdose no primeiro presidente galego, ao se poñer á fronte do Consello de Galiza, do que se cumpriu o pasado 15 de novembro o 80 aniversario da súa fundación.

“Castelao presidía un goberno legalmente constituído fronte á ilegalidade do golpe militar que se impuxo en 1936 e, polo tanto, é necesario restituír a súa condición de presidente no proceso de recuperación da memoria histórica que defendemos”, reclamou para concluír a súa intervención.