Ana Pontón recolle as demandas do sector da construción ante a carestía dos materiais e a falta de relevo xeracional
Pide á Feixóo acelerar as axudas á rehabilitación e pon sobre a mesa a proposta do BNG de construír mil vivendas protexidas con criterios de sustentabilidade
Os fondos Next Generation deben chegar tamén as PEMES deste sector
A portavoz nacional, Ana Pontón, mantivo un encontro coa dirección da Federación Galega da Construción coa que abordou os principais problemas dun sector que xera 80.000 empregos a través de máis de 8.000 empresas, con asuntos como a falta de persoal cualificado, -estiman que se necesitan máis de 4.500 efectivos para cubrir a demanda-, e a carestía dos materiais nun contexto xeral de alza de prezos.
En relación ás dificultades para contratar man de obra especializada, Pontón salientou que se debe facer unha “aposta pola formación” e ao tempo traballar na mellora das condicións laborais co obxectivo de reducir a sinistralidade laboral. No relativo ao aumento dos prezos dos materiais de construción, a líder do Bloque comprometeuse a valorar a situación do decreto estatal de cara a unha revisión de prezos nas obras públicas.
“Estamos nun contexto cambiante e resulta obvio que non se lle pode pedir a ninguén que traballe sen obter beneficios e por tanto esta é unha cuestión ante a que as administracións deben ter sensibilidade”, subliñou. Igualmente, apostou por avanzar na estratexia dunha maior produción e transformación no País, tendo en conta a importancia de sectores moi vinculados á construción como o da pedra, a lousa ou a madeira.
“Hai que traballar para un cambio estrutural que potencie a capacidade de Galiza para ser subministradora deste tipo de produtos e facelo desde a innovación, creando novos materiais que podamos utilizar aquí e exportar, que sexamos máis competitivos e para conseguir reducir a pegada ecolóxica, importante nun contexto de crise ambiental”, salientou.
Ademais de escoitar as demandas da Federación Galega da Construción, Pontón tamén trasladou algunhas das propostas do BNG para o sector da construción, entre elas “poñer en marcha un proxecto piloto para construír mil vivendas de promoción pública con criterios de sustentabilidade e de redución de consumo enerxético, medida que serviría tamén para poñer en marcha técnicas construtivas máis sustentables e eficientes ademais de facilitar o acceso a unha vivenda ós sectores da poboación con máis dificultades”, explicou.
A líder nacionalista insistiu na urxencia de que o Goberno do PP publique canto antes o decreto que regula as axudas á rehabilitación, e que se faga desde a transparencia, coa máxima información e se concedan tendo en conta o nivel de renda. “E evidente que os prazos son escasos e o retraso na tramitación do decreto fai perder oportunidades”, advertiu.
Por último, demandou que os fondos Next Generation non queden en mans dun puñado de grandes empresas senón que cheguen as PEMES do País e se usen para ganar posicións na construción de vivenda e da rehabilitación. “Imos seguir traballando para que afrontar retos como aumentar a capacidade produtiva, o relevo xeracional, a dixitalización ou a sustentabilidade”, concluíu tras o encontro.
Unha reunión que contou coa presencia da deputada Alexandra Fernández, portavoz de vivenda, e de Daniel Pérez, portavoz de emprego no Parlamento, así como de Diego Vázquez Reino, presidente da Asociación provincial de Empresarios da Construción da Coruña; José Bouso Alvite, presidente da Asociación Provincial de Empresarios da Construción de Lugo; Santiago Ferreiro Pérez, presidente da Asociación Provincial de Empresarios da Construción de Ourense; Miguel Caruncho Campanario, presidente da Asociación de Construtores de Pontevedra e Mª Luisa Martínez Arias, presidenta da Cámara de Contratistas.