Ana Pontón reclámalle a Feixóo “menos anuncios e máis DOG” se realmente aposta por axudas para rescatar á hostalería
Ante a “cerimonia da confusión” da Xunta aposta pola fórmula alemá de compensación de perdas e medidas como a redución dos alugueiros
Unha sucesión de anuncios a través de comparecencias na televisión pública que non tiveron reflexo no Diario Oficial de Galiza (DOG) xerando unha auténtica “cerimonia da confusión” sen plasmación en ningunha axuda concreta para o sector da hostalería. É a valoración da portavoz nacional, Ana Pontón, ante unha liña de axudas que, incluso sobre o papel da nota de prensa oficial, é escasa e tardía e nova mostra da improvisación e da falta de anticipación do Goberno de Feixóo.
Pontón puxo como exemplo o último anuncio do presidente da Xunta referido a unha liña de axudas para a hostalería dotada con 12 M€ que beneficiaría a 12.000 establecementos, segundo a propia información transmitida polo Executivo. “Unha simple operación aritmética permite cifrar a contía que lle correspondería a cada local en mil euros, moi lonxe dos até 7.000 € publicitados a bombo e prato por Feixóo”, denunciou, “e o que resulta máis grave, nada foi publicado aínda no DOG, nin unha soa das axudas anunciadas con tanto boato, mentres que as facturas se acumulan e os ingresos caen en picado”.
“O que se precisa é un salvavidas social para que a crise non a volvan pagar os e as de sempre, pero empezamos a ver como os medios de comunicación se fan eco das colas en moitas cidades para poder acceder a alimentos e a bens de primeira necesidade que deixan ao descuberto a situación límite de moitas familias, moitas traballadoras do sector da hostalería”, explicou a líder nacionalista.
Por contra asistimos, critica a líder do BNG, a unha “cerimonia da confusión, a un remexido de anuncios” que non se concretan, “por iso o que lle pido a Feixóo é menos anuncios e máis DOG, porque hai miles de familias nunha situación desesperada”. Neste sentido, a portavoz nacional insistiu na vía posta en marcha polo Goberno de Alemaña de compensar un 70% das perdas: “é doado establecer o cálculo de canto facturaba fai un ano un negocio concreto e compensar as perdas”.
Xunto coas as axudas directas, o Bloque propón outro tipo de medidas que axuden a pasar a crise derivada da COVID19 a un sector do que dependen miles de empregos, como a redución do custe dos alugueiros durante o tempo que dure a pandemia.
Entre as axudas que “non dan pasado da pantalla da TVG” Pontón citou tamén o anunciado plan de rescate dos e das traballadoras autónomas. “Mentres que noutros territorios xa van polo segundo plan de axudas directas, en Galiza aínda non recibiron nin un só euro do goberno do PP pese a tratarse dun colectivo de 200.000 persoas”, criticou a portavoz do BNG.
Pontón pediu non baixar a garda pese aos datos menos malos dos últimos días, posto que a evolución da pandemia segue a ser moi preocupante, rozando o millar de vítimas mortais pola COVID e superando os 10.000 contaxios activos e cerca de 600 persoas hospitalizadas. “Vemos como países do entorno europeo están tomando medidas moito máis drásticas, e canto máis contundentes mellor para salvar vidas, primeiro imperativo ético e moral, pero tamén a mellor maneira de salvar empregos”.