Ana Pontón reclama á Xunta que aumente os orzamentos para a xustiza gratuíta e garanta retribucións xustas aos profesionais
Insta ao Goberno do PP a recoñecer o dereito á folga do colectivo e abrir unha mesa de negociación para resolver un conflito do que é responsable
Advirte da grave situación que xa vive o servizo en moitos xulgados e critica ao Executivo de Rueda que pretenda que se preste en precario
A portavoz nacional, Ana Pontón, reclamou ao Goberno de Rueda que aumente os orzamentos para a xustiza gratuíta e garanta retribucións xustas aos seus profesionais, en folga dende o 21 de novembro do pasado ano para demandar medidas para a dignificación e mellora da quenda de oficio.
“A situación é tremendamente grave e afecta a un dereito fundamental para garantir a xustiza a todas e todos”, subliñou a líder do BNG tras a reunión que mantivo con representantes do colectivo de profesionais adscritas ao servizo de xustiza gratuíta e da quenda de oficio. Unha situación, criticou, que permanece “enquistada” porque a Xunta “en vez de establecer medidas de diálogo e negociación optou por ignorar as demandas destes profesionais, a quen non se lle recoñece o dereito de folga”, como si tiveron xuíces e xuízas e outros colectivos do ámbito xudicial. “O Goberno de Rueda non fixou servizos mínimos nin o conselleiro se reuniu cos profesionais mobilizados”, engadiu.
A portavoz nacional recalcou que, como consecuencia da xestión do PP, estanse a suspender milleiros de actuación xudiciais e son numerosas xa as baixas rexistradas na quenda de oficio. “A práctica totalidade das profesionais dos partidos xudiciais de Lalín, A Estrada ou Corcubión decidiron solicitar a baixa”, asegurou, e o mesmo sucede en Cangas, Marín ou Ourense na especialidade de violencia de xénero.
Pontón exixiu ao Executivo de Rueda en primeiro lugar que recoñeza o dereito á folga do colectivo e, ademais, que abra unha mesa de negociación co obxectivo de aumentar as partidas destinadas á xustiza gratuíta porque, denunciou, “co actual modelo chégase á situación de que o que cobra a profesional é inferior ao que percibía en 2009”. Ademais, segundo estimacións feitas, os colexios de avogados perden cada ano máis de 160.000 euros pola prestación da quenda de oficio, apuntou.
“A situación de precariedade queda clara cando vemos como Galiza é das comunidades que menos invisten por habitante no servizo de xustiza gratuíta”, afirmou, salientando que, segundo o último estudo publicado, relativo ao ano 2022, a media no Estado é de 6,25 euros por habitante, mentres en Galiza se sitúa en 4,42 €/hab.
Ademais do incremento orzamentario, entre as propostas do BNG figura tamén a negociación dun novo baremo que garanta unhas retribucións xustas pois, segundo expuxo a portavoz nacional, na actualidade non se inclúen “actuacións que son necesarias e se realizan, pero que nada se cobra por elas”, como os recursos contra a prisión provisional, as reclamacións previas, as conciliacións ou os recursos de conciliacións.
A precariedade nas retribucións dos profesionais da xustiza gratuíta ten tamén que ver co feito de que non se actualizaron os pagos á quenda de oficio conforme á subida do IPC, expuxo Pontón, que tamén emprazou ao Goberno do PP a analizar na mesa de negociación a cotización polos traballos realizados, tal e como contempla a alternativa do BNG para dar solución a situación que se vive neste sector e para garantir o acceso a un servizo esencial de todas as persoas, “con independencia dos seus recursos”.
Pontón trasladou o apoio do BNG aos profesionais da xustiza gratuíta e da quenda de oficio, “que levan moito tempo suplindo as carencias da Xunta e garantindo que funcione un servizo que é esencial”, pero ao que, concluíu, “non se lles pode pedir que traballen en precario”.