Ana Pontón reclama a xestión pública do CAPD para darlle ás familias de Ourense o mesmo servizo que xa hai noutras cidades do País
A portavoz nacional acusa a Rueda de antepoñer o negocio aos coidados e ao benestar das persoas: “Iso é dunha crueldade que non se pode permitir”
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reclamou este xoves a xestión pública do Centro de Atención a Persoas con Discapacidade maiores de 21 anos de Ourense, que está previsto que empece a funcionar nestes primeiros meses de 2025 tras acumular anos de demora polo incumprimento dos prazos fixados polo Goberno do PP, que agora pretende privatizar a súa xestión.
Pontón reuniuse na cidade das Burgas cunha representación da Plataforma ProCAPD para escoitar ás familias de persoas usuarias deste centro de adultos con discapacidade e amosarlle o apoio do BNG ao “cen por cen” das súas demandas e, singularmente, á de exixir a xestión pública do centro á que, lembrou, o PP chegou a comprometerse por escrito.
“Por que o goberno de Rueda pretende discriminar as familias de Ourense negándolle un servizo público que teñen outras provincias?, preguntouse a líder nacionalista, que lembrou que A Coruña, Pontevedra ou Lugo teñen este servizo desde hai tempo e non está externalizado.
A portavoz nacional censurou deste xeito o empeño privatizador do PP e acusou o Executivo de Alfonso Rueda de antepoñer o negocio aos coidados e ao benestar das persoas. “Iso é dunha crueldade que no se pode permitir nin tolerar”, advertiu, anunciando a continuación que o BNG levará de novo este tema ao Parlamento, como xa fixo no anterior período de sesións, co fin de as familias ourensás teñan un centro de atención á persoas con discapacidade “público e de xestión pública”. “Porque nin os dereitos nin as persoas con discapacidade son un negocio”, afirmou.
Emprazou así a Rueda a rectificar e a deixar de enganar e de mentir para empezar a cumprir coas familias de Ourense, e subliñou que o BNG vai facer todo o posible “para frear esta discriminación” , porque todos os galegos e galegas deben ter os mesmos servizos, vivan onde vivan”, concluíu Ana Pontón tras o encontro con representantes da plataforma ProCAPD, xuntanza á que asistiron tamén o deputado no Parlamento de Galiza Iago Tabarés, o portavoz municipal do BNG, Luís Seara, e o deputado provincial Bernardo López.
Posteriormente, Ana Pontón e demais representantes do BNG ían participar na concentración convocada pola plataforma diante da delegación da Xunta na cidade.