Ana Pontón reclama un servizo de hemodinámica de 24 horas para Lugo

Ana Pontón e Olalla Rodil co persoal do HULA

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón reclamou hoxe en Lugo que o servizo de Hemodinámica do HULA permaneza operativo as 24 horas do día porque ante un infarto, “cada segundo conta”.

Para a nacionalista, a falta de operatividade do  servizo durante  24 horas representa unha “discriminación” e pediu ao Partido popular e á Xunta non seguir negando o dereito á saúde aos cidadáns da provincia de Lugo. Todos e todas eles, dixo, pagan os seus impostos e non poden ser tratados como “cidadáns de segunda”.  

ANTE UN INFARTO, CADA SEGUNDO CONTA

Tras manter unha xuntanza co persoal do HULA, acompañada pola deputada  por Lugo, Olalla Rodil e o portavoz municipal, Rubén Arroxo, co fin de coñecer as demandas desta área sanitaria, a portavoz nacionalista avanzou que o BNG presentará no Parlamento galego,  no vindeiro pleno, unha proposta para modificar os orzamentos de 2018 e traspasar 232 millóns de euros para un plan de mellora  da  Atención primaria, “a grande damnificada da política de recortes do PP pese a ser a porta de entrada do sistema público de saúde”. 

Recortes e privatización afectan negativamente á calidade de vida e sobre todo á atención sanitaria con longas listas de espera nas especialidades e Atención primaria. Neste sentido, dixo, fan abanear  un dos principais piares da sociedade do benestar, a saúde e  non podemos permitir que o goberno siga adiante con “este programa de demolición”.

Pontón salientou como principal punto negro do sistema sanitario de Lugo a falta do “servizo de hemodinámica durante as 24 horas”. Para a nacionalista, a falta deste servizo durante todo o día  representa  “unha discriminación” para as persoas da provincia de Lugo que pagan os seus impostos e son tratadas como “cidadáns de segunda” polo que volveu a reclamar a posta en marcha de hemodinámica durante as 24 horas do día  porque “os infartos non entenden de horarios”.

Facemos un chamamento ao Partido popular e á  Xunta de Galiza a que baixen “dese cabalo no que están instalados” para negar  o servizo de Hemodinámica as 24 horas e se hoxe temos hemodinámica, explicou, é grazas á presión social. Si continuamos traballando e presionando imos conseguir este servizo durante todo o día porque non  hai ningún argumento económico nin político que o xustifique, só “a cerrazón do PP” con intereses ocultos que descoñecemos.