Ana Pontón reclama a máxima cooperación e coordinación para dar unha solución á altura da magnitude da catástrofe en Valencia
Ofrece á Xunta todo o apoio do BNG para mobilizar dende Galiza os medios e recursos que sexan precisos para axudar nas zonas afectadas pola DINA
Asegura que nunha situación de tanta dor é comprensible a indignación da xente e a esixencia de recursos pero condena a violencia vivida en Paiporta
Lamenta o ‘empozoñamento’ da política e censura a postura Feijóo: “Cando hai un problema, non quere ser parte da solución, senón máis ben parte do problema”
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reclamou a “máxima cooperación e coordinación” entre as diferentes administracións para darlle ao pobo valenciano unha solución o máis rápida posible e “á altura da magnitude da catástrofe” provocada pola DINA, deixando á marxe as rivalidades políticas. “A todos se nos encolle o corazón non só pola catástrofe en vidas humanas senón tamén polo que esa catástrofe significa para todas as persoas que están vivindo unha situación, moi, moi difícil”, asegurou.
Pontón mandou unha mensaxe de solidariedade coas miles de persoas que, dixo, “están indignadas e desesperadas”, polo que reclamou que se mobilicen todos os medios e todos os recursos necesarios “tanto para o rescate das persoas como para a limpeza de zonas afectadas ou para que cheguen as subministracións básicas ás poboacións que seguen illadas”, asegurou, ao tempo que demandou tamén axilidade nos traballos de recuperación das áreas arrasadas pola DINA.
A líder nacionalista trasladou o apoio do BNG á Xunta para mobilizar dende Galiza os medios e os recursos necesarios para axudar nunha situación “tan dramática”. “Por desgraza no noso País temos a experiencia de traxedias de outra magnitude e noutro ámbito, pero sabemos o importante que é a solidariedade e que haxa apoio en momentos tan duros”, afirmou.
En resposta aos medios de comunicación sobre os feitos ocorridos onte en Paiporta, considerou que “é evidente que todos e todas entendemos que a situación que viven todas estas persoas é desesperada”, polo que “é normal a indignación”. “É normal que haxa cabreo e que a xente que vive alí estea reclamando que se mobilicen máis medios e máis recursos”, dixo, para engadir que “isto non xustifica nunca a violencia, e moito menos cando temos datos de que hai accións programadas por parte de grupos de extrema dereita que queren aproveitarse da dor e do sufrimento das persoas para facer a peor das políticas”.
Pontón demandou a continuación “máis altura política” para afrontar unha situación dolorosa, provocada por unha catástrofe “cunha magnitude que non coñecemos”. Fixo así un chamamento a “non facer da dor e do sufrimento das persoas un novo campo de batalla política” porque -argumentou- ese é “o espazo para a acción da extrema dereita”.
“Utilizar a dor da xente para facer política tan rastreira é algo que temos que desterrar”, apuntou, lamentando, neste sentido, que “a política estatal estea tan empozoñada que todo parece que serve para este partidismo inútil”.
Cuestionada en concreto pola posición do líder do PP diante da catástrofe provocada pola DINA, a portavoz nacional do BNG afeoulle que non estivese “á altura” coas súas declaracións e dixo que “neste momento quizais demostra unha vez máis que cando hai un problema o señor Feijóo nunca quere ser parte da solución, senón máis ben parte do problema”.