Ana Pontón reclama devolver de “maneira gratuíta” os terreos portuarios desafectados ao pobo da Coruña
Demanda ao Goberno de Pedro Sánchez financiar con fondos do Estado as obras do porto exterior, non malvender os terreos e desmarcarse do “Protocolo da vergoña”, asinado por Feixóo e Íñigo de la Serna para construír miles de vivendas baleiras e saturar a Coruña de centros comercias
A portavoz nacionalista , Ana Pontón anunciou hoxe que o BNG porá en marcha “unha iniciativa institucional” para conseguir que o borde litoral interior da cidade da Coruña, unha vez que os terreos sexan desafectados de usos portuarios, volvan “de maneira gratuíta” a ser terreos de uso público.
Acompañada polo candidato do BNG á alcaldía da Coruña, Francisco Jorquera, Pontón afirmou que o BNG pide a Sánchez o mesmo que pedía a Raxoy, “devolver os terreos ao seu lexitimo dono, o pobo da Coruña”. Neste sentido, manifestou que o novo goberno do Estado e Pedro Sánchez deben dar pasos para favorecer a devolución e o proceso, non pode “frustrarse por intereses partidistas ou particulares” relacionados coa especulación ou cun modelo fracasado.
O BNG PIDE A SÁNCHEZ DESMARCARSE DO PROTOCOLO DA VERGOÑA
Ademais, reclamou o compromiso de Sánchez para desmarcarse do “protocolo da vergoña”, un convenio asinado por Feixóo e Íñigo de la Serna que representa un “modelo fracasado” coa construción de miles de vivendas baleiras e saturación de centros comerciais.
Ana Pontón anunciou que no inicio do curso político, o BNG converterá a devolución dos terreos “nunha prioridade política” e presentará iniciativas no Parlamento galego, a Deputación da Coruña e concello.
Na súa visita a cidade da Coruña, Pontón tamén esixiu que sexan anulados os convenios do ano 2004 pola súa posible ilegalidade.
A portavoz nacional do BNG afirmou que Galiza segue discriminada e explicou que onte mesmo, Valencia acadou 850M€ de financiamento extraordinario. Mentres noutras partes do estado se financian as obras, “na Coruña hai que vender terreos que son clave para un novo modelo de cidade”, recalcou.
“Sánchez ten unha oportunidade para demostrar que o novo goberno significa algo máis que a alternancia política na súa relación con Galiza e a Coruña”, concluíu.
JORQUERA CRITICA QUE O ALCALDE DA CORUÑA SEXA FAVORABLE Á COMPRA DO CAMPO DA ESTRADA E A MAESTRANZA
Pola súa parte, para a o candidato do BNG á alcaldía da Coruña, Francisco Jorquera resulta “inaudito” que o goberno municipal non exerza o liderado neste asunto e mesmo o alcalde amose a súa disposición ao Ministerio de Defensa para mercar os terreos do Campo da Estrada e a Maestranza cando “foron cedidos para uso militar e desafectado este uso, é de xustiza que se integren de maneira gratuíta ao pobo da Coruña”.
Como xa aconteceu nas cidades de Barcelona ou Madrid con terreos da realeza e Coroa doados gratuitamente para o seu uso público, explicou Jorquera, a cidade da Coruña tamén debe recuperar os seus espazos.
Finalmente, o candidato do BNG á alcaldía da Coruña reclamou que o Estado asuma o financiamento das obras do porto da Coruña -como porto de interese xeral mentres non sexa transferido-, e denunciou que resulta “inconcibíbel que o acceso ferroviario ao porto exterior sexa condicionado á privatización de terreos”.