Ana Pontón reclama axudas para a frota para salvar o emprego mentres non se retire o veto de Bruxelas á pesca de fondo
Desde Conxemar pide unha moratoria até resolver o recurso do Estado para evitar o amarre de 200 barcos nun sector estratéxico para Galiza
Baixar o IVE do peixe ao 4%, máis necesario que nunca ante a suba dos prezos dun produto básico para unha alimentación saudable das familias
O BNG ve positivo que o Goberno do Estado presente recurso contra o veto de Bruxelas á pesca de fondo, pero considera insuficiente esta medida tendo en conta que a normativa entrará en vigor en días e pon en risco o futuro de 200 barcos, polo que a portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou a visita a Conxemar para solicitar unha moratoria na aplicación da prohibición até resolver o recurso.
“Hai que tomar decisións máis contundentes e esixir unha moratoria para que non se poña en marcha este veto inxusto e arbitrario, porque significa deixar en terra a 200 barcos e a centos de traballadores e traballadoras do mar, un ataque inxustificado a un sector estratéxico para Galiza que non podemos permitir e detrás do que se esconden intereses económicos e comerciais”, explicou a líder nacionalista.
Senón se consigue esa moratoria, Pontón pon enriba da mesa outra alternativa para evitar o impacto no sector: axudas directas á frota mentres non se levante o veto á pesca de fondo en 87 áreas do Atlántico nororiental. “Igual que houbo axudas para outros sectores haberá que telas para este e evitar que se perda nin un só posto de traballo pola inxusta decisión da Comisión Europea”, argumentou.
Pontón destacou que o veto prexudica á frota pero tamén “vai en contra” da maioría da poboación porque supón retirar millóns de toneladas de peixe fresco do mercado, un produto básico na cesta da compra. “Tomar esta decisión no medio dunha crise de prezos é unha barbaridade porque as familias están afogadas e a decisión da UE é quitar peixe fresco do mercado, é dicir, poñerllo máis difícil cun produto esencial para unha alimentación saudable”, denunciou desde Vigo.
“É necesaria a moratoria mentres se resolve o recurso e son necesarias axudas ao sector no caso de que a frota non poida saía faenar”, sintetizou.
A líder do Bloque fixo esta reclamación durante a súa visita a Conxemar, “unha gran feira que é un orgullo que se celebre en Galiza”, destacou, ao tempo que felicitaba á nova dirección do certame. Nese foro, a portavoz nacional volveu pedir rebaixar ao 4% o IVE dos produtos pesqueiros, proposta do BNG que ten o respaldo unánime do Parlamento. “Sería especialmente necesario facelo nunha situación de escalada inflacionista para un produto tan importante na nosa dieta”, alegou. Finalmente, Pontón sumouse á demanda da organización de Conxemar para dotar ao IFEVI duns accesos “propios do século XXI”, unha vella reclamación que sigue pendente.