Ana Pontón reclama ao Goberno central e galego que se deixen de promesas e aporten solucións para A Mariña
“De nada vale un presidente que se dedica a buscar culpables”, denuncia, tras insistir na intervención pública de Alcoa por parte de Xunta e Estado
O Bloque apoia a folga xeral que interpreta como a expresión dunha veciñanza farta de que lle tomen o pelo con fotos e anuncios incumpridos
A portavoz nacional, Ana Pontón, encabezou a representación do BNG na manifestación en Burela dentro da xornada de folga xeral convocada para reclamar futuro económico e social para A Mariña, que ten en risco máis de mil empregos directos, coas factorías de Alcoa e de Vestas como principais exemplos da crise industrial.
“Desde o BNG demandamos medidas concretas que deben plasmarse nos orzamentos do Estado e da Xunta, que debe recollerse en compromisos que teñen que figurar no DOG e no BOE”, subliñou Pontón, momentos antes de arrancar unha mobilización protagonizada por unha veciñanza “que da un golpe na mesa para expresar que está farta de promesas e de fotos”, alegou.
Para a líder do Bloque, a crise industrial na Mariña obedece a causas políticas, -como un marco enerxético que prexudica a competitividade das empresas nunha Galiza rica en electricidade-, e polo tanto “as solucións deben vir desde o ámbito político”, alegou, tras destacar que de nada lle vale A Mariña ter na Xunta a un presidente “que cando hai un problema en lugar de buscar solucións, busca culpables”.
“O Goberno central e o Goberno da Xunta, é dicir PP-PSOE, non poden seguir coa estratexia de poñerse de perfil ante a situación da Mariña, que non se arranxa con fotos de reunións que conclúen sen ningunha solución, sen ningunha medida concreta”, criticou Pontón, en relación ao último encontro entre o presidente galego e a ministra de Industria, da que non saíu alternativa algunha.
Coa xornada de folga xeral, recalcou, A Mariña pide “solucións reais” para unha comarca que nos últimos anos perdeu un millar de postos de traballo tras o peche de empresas emblemáticas, coa “pasividade absoluta” do Goberno do PP. Pontón demanda que esa pasividade sexa substituída por compromisos nos orzamentos.
Unha mobilización que tamén expresa o cabreo ante o desfile de cargos de PP e PSOE para facer anuncios que despois quedan no caixón. A intervención pública de Alcoa é a única solución real, concluíu Pontón, nas súas declaración no arranque dunha manifestación na que tamén participaron a deputada por Lugo, Olalla Rodil; o deputado pola Mariña, Daniel Castro, os portavoz de industria e emprego, Ramón Fernández e Daniel Pérez, a alcaldesa de Barreiros, Ana Hermida ou o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez.