Ana Pontón: “Rebaixar a factura eléctrica é o maior incentivo fiscal para que se instalen empresas e dar oportunidade de emprego”
Participa en Vigo na campaña de recollida de sinaturas contra a subida do prezo da luz, especialmente escandaloso nunha Galiza rica en electricidade
O BNG insiste nun prezo máis barato cunha tarifa eléctrica galega a favor de familias e empresas. Hoxe pagamos os custes ambientais sen beneficio
A portavoz nacional, Ana Pontón, participou en Vigo na campaña de recollida de sinaturas en contra da subida da factura da luz que o BNG está desenvolvendo por todo o País, e aproveitou para insistir na proposta dunha tarifa eléctrica galega que lle permita a familias e empresas beneficiarse de ser Galiza exportadora de electricidade.
“Rebaixar a factura da luz é o maior incentivo fiscal que podemos ter para que se instalen empresas e haxa oportunidades e ter un prezo da luz máis baixo non só é posible senón xusto tendo en conta que somos un País rico en electricidade”, explicou, “pero asumimos os custes ambientais e sociais sen ningún beneficio”. Ao contrario, Galiza mesmo chegou a pagar a factura máis cara polo feito de que as eléctricas repercutiron sobre o consumidor os imposto por contaminación aprobado polo Goberno de Feixóo.
Unha tarifa eléctrica galega diferenciada, indicou Pontón, como existe en moitos países europeos, como Noruega, Suecia, Dinamarca ou Reino Unido e Alemaña, que contan con tarifas diferenciadas e máis baratas para aquelas partes do seu territorio que son produtoras. “Pura lóxica porque a enerxía é máis barata onde se produce”, recalcou, “por iso resulta inexplicable que o presidente de Galiza leve doce anos vetando a proposta do BNG poñéndose do lado do lobby eléctrico en lugar de defender ás familias e as empresas”.
Pontón destacou que tras décadas soportando os custes ambientais e sociais, cada vez pagamos a luz máis cara e hai miles de empregos en xogo precisamente polo alto prezo da enerxía, gana Iberdrola, Endesa, Naturgy pero perden as familias, perden as PEMES e perde a maioría social.
En plena crise, a maioría social vai pagar a factura máis cara da historia, tanto polo cambio na factura como polo feito de que as eléctricas están disparando os prezos en todos os tramos, por iso a campaña do BNG que, ademais, pon sobre a mesa alternativas con medidas concretas.
Como reducir o IVE da luz ao 4%, a tarifa eléctrica galega en beneficio das familias e das empresas, a creación dunha empresa pública galega de enerxía, para camiñar cara unha xestión pública dun servizo e dun ben de primeira necesidade. E medidas para que non se lle poda cortar a luz a ningunha persoa ou familia sen recursos, “porque os dereitos das persoas deben estar por riba da conta de resultados das eléctricas”, concluíu desde Vigo.