Congreso

Ana Pontón: “É a quinta vez que pedimos unha AP9 galega e libre de peaxes, será a definitiva ou van seguir burlándose de Galiza?”

Acusa a PP e PSOE de discriminar a Galiza negándolle o que concederon a outras Comunidades Autónomas, como Madrid, Euskadi e Catalunya

O Estado rescatou as radiais madrileñas con miles de M€ e sen as prórrogas das forzas estatais hai 10 anos que viaxaríamos gratis pola AP-9

A portavoz nacional, Ana Pontón, defendeu no Congreso o dereito de Galiza a ter unha “AP9 galega e libre de peaxes” e instou ás forzas estatais a deixar de burlarse dos galegos e das galegas e dar luz verde á transferencia libre de cargas da autoestrada, destacando que Galiza fixo esta reclamación por primeira vez en 2016, por segunda en 2017, por terceira en 2018 e por cuarta en 2021.

Nas dúas primeiras ocasións a lei nin se chegou a debater polo veto imposto polo PP, en 2018 a admisión a trámite decaeu por convocatoria electoral e en 2021 pasou o mesmo despois de que PP e PSOE solicitaran até 15 prórrogas pese a tratarse dunha tramitación de urxencia da lei.

“Estamos en 2024 e estou nesta tribuna porque Galiza pide por quinta vez a transferencia da AP9; a pregunta é: será esta a definitiva ou van seguir burlándose da cidadanía galega?”, cuestionou interpelando a PP e PSOE na súa intervención para defender a transferencia da autoestrada no pleno da Cámara baixa, forzas estatais que levan anos tomando decisións que favorecen a concesionaria da autoestrada mentres prexudica os 22.000 galegos e galegas que cada día usan esta vía estratéxica.

Neste sentido, a líder do BNG denunciou a alternancia “na discriminación a Galiza” das forzas estatais, de tal xeito que repiten o mesmo argumentario. “Escusas que antes usaba o Partido Popular, agora repíteas sen rubor o Partido Socialista”, recriminou, para desmontar os pretextos compartidos por PP e PSOE á hora de boicotear a transferencia.

“Néganse alegando que se trata dunha vía con conexión internacional, pero é falso porque a conexión con Portugal é a través da autovía A-55, estaría ben que os ministros de transporte tivesen claro este dato elemental”, reprendeu logo de advertir que, en todo caso, o Estado transferiu autoestradas que si tiña unha conexión internacional como, por exemplo, a Catalunya e a Euskadi.

Pontón tamén refutou outra das escusas compartidas polas forzas estatais, a de que o rescate e inasumible polo Estado, “pero non tiveron ningún problema en rescatar as radiais madrileñas con miles de millóns de euros,  claro que coas radiais madrileñas a petición viña da gran banca e das grandes construtoras e coa AP9 a petición vén do pobo galego”, recriminou.

A portavoz nacional concluíu que o que en realidade queren as forzas estatais é “perpetuar a discriminación con Galiza” como demostran os feitos. Neste sentido, lembrou que en 1994 o Executivo do PSOE de Felipe González ampliou a concesión da autoestrada galega dez anos, concretamente até 2023. “De non ser así, levariamos unha década circulando libremente pola AP9”, denunciou, pero a realidade é que as peaxes supoñen un lastre para as economías dos e das traballadoras e para a competitividade das empresas galegas.

De igual xeito, tamén recordou que o Goberno do PP presidido por José María Aznar ampliou en 2000 a concesión 25 anos e privatizou a autoestrada en 2003 “a prezo de saldo”. “Isto fíxose despois dunha emisión de bonos de Audasa cuxo comisionario, perdón, comisario, era un coñecido desta Cámara, Luis Bárcenas, que casualidade!”, ironizou.

Expediente Comisión Europea

As prórrogas de PP e PSOE, afondou, deixáronlle a Galiza unha das autoestradas máis caras de todo o Estado, cunhas peaxes desorbitadas e coa concesión máxima que permite a lei, 75 anos, grazas as prórrogas. En concreto, a última aprobada polo PP motivou que a Comisión Europea abrise un expediente de infracción ao Estado español, alegando que non cumpre a lexislación europea.  O recurso do Estado recibiu por resposta un segundo expediente por parte de Bruxelas insistindo en que a prórroga do PP é ilegal.

Neste contexto, Pontón instou a aproveitar a oportunidade que abre o expediente de infracción aberto polo goberno comunitario. “Europa está abrindo de par en par a porta ao rescate da AP9, crucen esa porta e acaben dunha vez por todas cunha estafa legalizada que cada día sofren 22.000 galegos e galegas”, reclamou logo de subliñar que, ata agora, o único respiro para as persoas usuarias “foron os descontos históricos logrados polo BNG a través do acordo de investidura co PSOE”.

A líder nacionalista rematou a súa intervención reclamando ás forzas estatais que deixen de poñer escusas “para negarlle a Galiza o que outros territorios desfrutan desde hai anos”. “É o momento de cumprir con Galiza e atender unha das demandas máis sentidas do meu País: poder circular por unha AP9 galega e libre de peaxes”, concluíu.