Ana Pontón proporá no debate de investidura catro grandes acordos de País sobre sanidade, vivenda, enerxía e calidade democrática
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, proporá no debate de investidura catro grandes acordos de País en torno a sanidade, vivenda, enerxía e calidade democrática, en liña coa oposición “útil e construtiva” que exercerán os deputados nacionalistas, combinando o labor de control ao goberno e a crítica coa presentación de propostas pensadas para mellorar a vida da xente.
O viceportavoz do BNG no Parlamento Luís Bará avanzou hoxe as grandes propostas de acordo que Pontón defenderá na segunda sesión do debate, acordos para os que o Bloque “ten a man tendida” sempre e cando o candidato do PP, Alfonso Rueda, decida exercer como presidente de Galiza, gobernando para todos os galegos e as galegas e non só para unha parte, tal e como fixo até o de agora.
“Esperamos que esta man tendida teña unha resposta da maioría, pero non da maioría absolutista do PP”, ironizou Bará, para quen o “gran dilema” de Alfonso Rueda de cara á nova lexislatura é “se vai ser presidente de Galiza ou do PP”. Apuntou, neste sentido, que o discurso “anodino e insulso” do candidato popular pronunciado na primeira sesión do debate, no que non houbo ningún anuncio de calado, apunta a un “executivo de parte, que goberna só para a metade de Galiza e que está pechado no seu caparazón partidista, un goberno que vai co piloto automático e que está ás ordes dos poderes económicos, das grandes empresas que queren espoliar os recursos do País e do PP de Madrid”.
Fronte a un Rueda que “na práctica alimenta a confrontación partidista e a crispación política”, Pontón exporá a alternativa do BNG como “exemplo de política útil, construtiva e propositiva”, nun discurso no que haberá “crítica contundente e firme” pero tamén propostas en positivo “pensando en todos os galegos e non case medio millón que votaron ao Bloque”, incidiu Bará.
O primeiro acordo de País servirá para blindar por lei o financiamento da atención primaria até chegar ao 25 % do total do orzamento destinado á sanidade, tal e como recomenda a OMS. Un gran pacto que incluiría ademais dotar aos centros de saúde de novas especialidades en áreas como a psicoloxía clínica, nutrición ou fisioterapia; e rematar coa precariedade laboral e cubrir as vacantes de persoal do Sergas.
En materia de vivenda, a líder nacionalista denunciará a falta de credibilidade de Rueda, que “quere facer en quince días o que non fixo en quince anos” e ofertará, nesta materia, outro gran pacto para a compra masiva de pisos baleiros co fin de poñelos no mercado a prezos asumibles, garantindo un “dereito fundamental” aos galegos e as galegas, especialmente á xente nova, que agora ten que destinar até o 40 % do seu salario a pagar a vivenda, precisou Bará. Na actualidade, lembrou, existen en Galiza en torno a medio millón de vivendas baleiras, noventa mil delas nas cidades.
Desenchufarse das grandes eléctricas para conectarse cos intereses do País
O Bloque proporá así mesmo un gran acordo de País para avanzar cara un novo modelo enerxético “que pasa por desenchufarse das grandes eléctricas para conectarse cos intereses do País, da súa xente, dos propietarios das terras, dos concellos ou das pemes que precisan ter prezos máis baratos e beneficiarse tamén do grande negocio que é a produción de enerxía ”, apuntou o viceportavoz parlamentario.
No eido da enerxía, a proposta do BNG pasa por acabar co “modelo depredador” do PP e contempla dúas medidas concretas: a posta en marcha dunha empresa pública de enerxía aberta á participación dos concellos, e a creación dunha tarifa eléctrica galega para ter unha factura rebaixada “para recoñecer o papel de Galiza como grande produtor de enerxía eléctrica”. “Non ten sentido que Madrid, que produce o 4 % da enerxía eléctrica que consume teña o mesmo prezo da enerxía que un País como Galiza, co 142 %”.
O pacto por unha democracia de calidade será o cuarto dos que proporá Pontón no debate de investidura. Este acordo, explicou Bará, inclúe uns medios públicos “plurais e ao servizo de todos e todas” , para o que o BNG propón dúas medidas que xa contempla a lei: dotar a CRTVG dun consello de informativos e elixir o seu director ou directora a través dun concurso público.
Para este gran acordo o Bloque reclama ademais cambios no funcionamento do Parlamento no que ten que ver coa súa función de control do Goberno e, máis en concreto, co acceso a documentación “sensible” que en pasadas lexislaturas foi vetado, como ocorreu no caso dos convenios do Sergas coa sanidade privada, os expedientes sancionadores ás eléctricas, os expedientes abertos ás residencias da terceira idade. Bará demandou ademais “transparencia” sobre os contratos menores e de emerxencia asinados pola Xunta durante a pandemia da covid.
“O acordo é posible nestes grandes temas se hai vontade de diálogo, deixando a un lado a imposición unilateral que trasladou Rueda”, concluíu Luís Bará.