Ana Pontón propón trasladar a toda Galiza o “modelo de éxito” dos concellos do BNG liderando o Goberno da Xunta
Pide mobilizarse nas urnas para lograr o cambio galego e pon como aval a experiencia municipal do Bloque con políticas premiadas a nivel mundial
Impulsará unha axenda de loita contra a emerxencia climática imprescindible para combater pandemias como a COVID19: “os concellos BNG adiantáronse”
Cumio municipal do BNG, que a portavoz nacional e candidata á Presidencia, Ana Pontón, aproveitou para presumir das políticas de transformación e de vangarda que desenvolven os goberno locais nacionalistas, gobernos que son sinónimo de bo facer, xestión eficaz e honesta ao servizo da veciñanza e capaces de mellorar a vida das persoas en vilas e cidades.
Un espello no que mirarse e un “modelo de éxito” que Pontón quere trasladar ao conxunto do país liderando o Goberno galego a partir do 12 de xullo, de tal xeito que as políticas municipais do Bloque que hoxe son referentes a nivel internacional podan aplicarse en toda a Galiza desde a Xunta.
“Estamos ante unha cita coas urnas na que podemos abrir un tempo novo que signifique un cambio de políticas”, destacou Pontón, “e aproveitando a experiencia e a capacidade de xestión dos concellos do BNG, con políticas transformadoras recoñecidas e premiadas en todo o mundo, trasladar ese modelo de éxito a todo o país para facer de Galiza tamén un referente internacional nas política de coidado do medio ambiente, onde o espazo público estea a disposición das persoas e converter as nosas vilas e cidades en espazos seguros”.
A candidata á Presidencia puxo os gobernos municipais do BNG como “aval” de experiencia e bo facer para “enfrontar o reto de gobernar Galiza os próximos catro anos”, tras insistir en que o cambio galego é posible se todas as persoas que queren deixar atrás a decadencia de dez anos de PP se mobilizan de xeito masivo optando pola candidatura que representa e, por primeira vez na historia, poñer ao fronte da Xunta a unha muller e a unha nacionalista.
“Vexo unha gran corrente de simpatía arredor do BNG e o cambio real é posible se nos mobilizamos toda as persoas que estamos fartas de ver como nos rouban o futuro, fartas dunha Galiza en branco e negro cando o que queremos é unha Galiza de cores vivas”, recalcou.
Do local ao global para cambiar o mundo, explicou Pontón, dar respostas desde o local como a mellor maneira de solucionar os problemas e esa forma de actuar dos gobernos municipais nacionalistas demostrou a súa eficacia ante situacións como a derivada da COVID19, con políticas sustentables que poñen as persoas no centro.
“Os Concellos do BNG veñen aplicando un modelo que entende o espazo público como un ben común que leva aparellado outros elementos como a calidade do aire, a xestión dos residuos ou a aposta pola saúde pública”, explicou, “modelos municipais que se adiantaron aos tempos que viñan e hoxe, despois da COVID19, se tornan máis necesarios ca nunca para dar calidade de vida e seguridade no espazo público ás persoas”.
Un modelo de xestión “que se anticipou”, -recalcou-, un modelo de vangarda que é referente de calidade de vida a nivel internacional, “e a mostra son todos os premios recibidos nestes días, como Pontevedra e Carballo, ou antes Allariz ou Tomiño”, subliñou, modelo de xestión que incorpora conceptos como a recuperación e democratización do espazo público, redución de emisións, menos coches e máis persoas, peonalización e calmado do tráfico, importancia de moverse coa nosa propia enerxía, redución e compostaxe dos residuo ou xestión ecolóxica e racional da auga.
Unha presidenta que non poña paus nas rodas
“Con este modelo, os concellos BNG adiantáronse dando prioridade á creación de vilas e cidades que apostan pole medio ambiente e como candidata á Presidencia o meu compromiso de impulsar unha axenda urbana que traslade a todo o país a nosa concepción das cidades, do espazo público, da preocupación polo cambio climático e por dar solucións adaptadas ao noso entorno”, concluíu.
Neste encontro municipal celebrado en Santiago, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, destacou que o modelo de éxito do BNG dos concellos é a combinación “da confianza e do amor” no país “facendo políticas transformadoras” pese a que desde o Goberno do PP “que lonxe de axudar puxo paus nas rodas”. O día 12 de xullo, subliñou, “temos a oportunidade de cambiar esta situación logrando que a nosa candidata sexa a presidenta de Galiza”.
Lores fixo unha afectiva lembranza de Ana Pontón, a que coñeceu cando estivo de médico en Sarria, e trasladou todo o apoio dos concellos BNG para que na cita coas urnas, Galiza poda abrir un tempo novo liderado por unha presidenta muller e nacionalista.