Ana Pontón propón suprimir o teito de gasto nos orzamentos 2021ante a situación de emerxencia sanitaria, económica e social
“Na Galiza de hoxe hai persoas facendo cola para obter alimentos e neste contexto non se pode poñer un corsé á capacidade de investir para salvar vidas e empregos”, alegou
O dogma liberal e centralista do déficit cero quedou obsoleto e urxe máis autogoberno e un sistema de financiamento que non discrimina a Galiza
Galiza xa estaba en crise antes da pandemia, pero a COVID exacerbou até a emerxencia a situación no ámbito sanitario, económico e social e neste contexto deixar atrás o dogma do déficit cero imposto polo centralismo, -do que Feixóo foi un aplicado alumno desde o Goberno da Xunta-, é máis urxente que nunca.
Así o explicou a portavoz nacional, Ana Pontón, na súa intervención parlamentaria en relación aos orzamentos de 2021 cunha proposta clara por parte da líder do BNG: suprimir o teito de gasto nas contas públicas do próximo ano. “Non se pode poñerlle un corsé ao goberno cando vemos que está en xogo a vida das persoas. Necesítase investir máis e investir ben”, argumentou, tras recalcar que a COVID “está tirando por terra os dogmas neoliberais e centralistas da última década e hoxe ninguén discute que a austeridade, que tanto abrazou Feixóo, sería un suicidio social, sanitario e económico”.
Por contra, o que necesita Galiza, recalcou, “é un autogoberno máis forte para poder protexer mellor a nosa sociedade”, nun momento en que vemos como a crise fai que en pleno século XXI haxa colas nas grandes cidades para poder acceder a alimentos.
“As consecuencias da crise condénsanse en imaxes que son demoledoras para calquera goberno, como as que publicaban varios medios de comunicación estes días de persoas facendo cola na Galiza de 2020 para acceder a comida e bens de primeira necesidades. Fíxese que titular señor conselleiro: tristeza e resignación nas colas da fame da Coruña, cada vez máis extensas. Ou este outro: O paro disparado leva cada dia a máis xente ás portas de institución benéficas”, argumentou Pontón.
Neste contexto, non hai lugar para fixar un teito de gasto que, no mellor dos casos, é un parche provisional, porque de pouco vale suspender temporalmente as regras fiscais para facilitar uns orzamentos expansivos e despois volver aplicar unha “draconiana” redución en aras do déficit cero, alegou a líder do Bloque, “o límite de gasto para 2021 simplemente supón adiar a 2022 e seguintes fortes recortes sociais”.
“Hoxe o que se precisa é investir máis e investir ben para reforzar a sanidade pública, para garantir o dereito a unha vellez digna, para fortalecer a educación pública para rescatar a quen xa está pagando esta crise, que son as mulleres, a xente nova, a pequena e mediana empresa ao sector da hostalaría, da cultura ou do comercio”, demandou.
Na súa intervención Pontón recriminou a falta de ambición e compromiso do xefe do Executivo á hora de defender os intereses de Galiza, tanto a curto prazo no que se refire ás transferencias estatais para o vindeiro ano como, a medio prazo, á hora de reclamar un cambio do modelo de financiamento e acabar coa discriminación do sistema actual.
“Galiza ten que contar cun marco estable que achegue máis recursos e para iso é preciso concertar un novo sistema de financiamento que nos dea plenas capacidades fiscais para dotarnos de ingresos coa autonomía e a suficiencia precisa. Xusto o que non demanda Feixóo”, criticou.
De feito, salientou, os datos que acompañan o teito de gasto “son un exemplo da insuficiencia do sistema de financiamento”, posto que os recursos que achegará o sistema de financiamento para os orzamentos de 2021 son 125 M€ menos que este ano. A propia Consellería de Economía recoñece que o previsto incremento das contas públicas de 2021 se debe a unha transferencia extraordinaria do Estado, aos 430 M€ do fondo COVID europeo, -Next Generation-, e a incremento do déficit.
“De non ser así, o teito de gasto para 2021 sería mesmo inferior ao de 2020”, recalcou Pontón. En definitiva, “Galiza non necesita un teito de gasto, non necesita limites e corsés, ao contrario é necesario expandir o investimento público se queremos darlle unha resposta á crise sanitaria, económica, social e emocional que nos deixa a pandemia”, sintetizou, tras recalcar que non existe un dilema entre salvar vidas e salvar a economía, senón que o primeiro é un imperativo ético e moral que pon as bases para conseguir o segundo.