Ana Pontón propón que a vivenda protexida teña esta cualificación de maneira permanente para salvagardala da especulación
Critica que a resposta do PP a un problema esencial das galegas e dos galegos sexa a propaganda, co anuncio dun plan fantasma
Alternativas BNG: priorizar a adquisición de vivenda baleira para poñer en aluguer, axudas directas para rendas baixas e plan sectorial de vivenda
A portavoz nacional, Ana Pontón, defendeu que a vivenda protexida teña esta cualificación “de maneira permanente” para salvagardala da especulación como unha das medidas propostas polo BNG para facilitar e garantir o acceso á vivenda que, segundo advertiu, está chegando a unha “situación límite” en Galiza.
Así o asegurou logo do encontro que mantivo coa dirección do Colexio Oficial de Arquitectos de Galiza (COAG) coa que, entre outras cuestións, abordou a crise do acceso á vivenda para cuxa solución propuxo un gran pacto, un gran acordo de país, “con orzamentos e prazos de execución realizables” e que incorpore medidas como a cualificación permanente da vivenda protexida.
“Esta é unha cuestión básica porque o parque de vivenda pública, o parque de vivenda protexida que se constrúe, non pode formar parte da especulación”, explicou a portavoz nacional, quen tamén defendeu a necesidade de tomar outras medidas concretas e tamén de carácter estrutural que garantan á cidadanía o dereito fundamental a unha vivenda.
Entre as propostas do goberno alternativo do BNG, Pontón tamén destacou a posta en marcha de axudas directas para as rendas baixas que lles faciliten o acceso á compra de vivenda protexida porque cos prezos actuais, alegou, “é practicamente imposible para moitas familias”.
A líder nacionalista volveu poñer o foco na importante bolsa de vivenda baleira que hai no País e na necesidade de que a Xunta a aproveite e, neste sentido, avogou por desenvolver un plan de compra de vivenda baleira que permita poñela en aluguer, “unha medida máis rápida, máis ecolóxica e que pode dar unha resposta máis eficaz ante a crise do acceso á vivenda”, alegou.
Por último, tamén defendeu un plan sectorial que se debate e se aprobe no prazo máximo dun ano e que posibilite toda a planificación da vivenda porque, segundo indicou, o Executivo de Alfonso Rueda está proxectando vivendas só no ámbito das cidades. “Nós pensamos que o conxunto do País debería ter esas políticas públicas de vivenda, tendo en conta cales son as demandas e as necesidades, e facelo dunha forma ordenada por todo o territorio”, afondou.
Pontón avanzou que o BNG levará todas estas propostas ao Parlamento para poñer enriba da mesa alternativas e solucións ao problema do acceso á vivenda, propostas que contrapuxo á inacción do Goberno do PP que “durante 15 anos dinamitou a política social de vivenda” e que na vez de poñer en marcha mecanismos que garantan o dereito fundamental a unha vivenda, continúa traballando na dirección contraria.
“Fíxoo cando, na práctica, deixou a construción da vivenda protexida en mínimos históricos, faino cando deixa á xente abandonada cando se nega a declarar zonas altamente tensionadas, cando non quere regular as VUTs (Vivendas de Uso Turístico) ou cando non exerce as competencias en materia de vivenda”, denunciou.
Nun contexto no que o prezo do aluguer ronda un incremento do 44% nos últimos anos, chegando nalgúns casos ao 60%, a portavoz nacional criticou que o Executivo do PP “camiñe na dirección equivocada”, ao seguir “instalada na propaganda”, anunciando un plan de vivenda protexida do que non presentou “nin un só documento” no que se concreten as súas medidas”. “Un plan sen plan”, sintetizou.
Ademais, recordou que, das propias notas de prensa da Xunta sábese que “non se vai construír vivenda pública nesta lexislatura a cargo dese plan, como moito, poñerase a disposición o solo”, advertiu Pontón, quen dixo que a única medida concreta dese plan é “o incremento desorbitado do prezo da vivenda protexida”, cun aumento do 8% do prezo da vivenda pública o ano pasado e cun 30% máis nos últimos meses.
“Isto significa que, segundo as subas do Partido Popular, o mesmo piso este ano vai a custar 42.000 euros máis”, cuantificou, para explicar a continuación que unha persoa cun salario de 1.500 euros terá que destinar o 30% do mesmo (500 euros) durante máis de 30 anos a pagar unha vivenda pública de 203.000 euros, custe medio da mesma.
Con este exemplo, a líder nacionalista evidenciou como as condicións nas que está traballando a propia Xunta, fan moi difícil que mesmo a vivenda protexida sexa accesible para unha parte moi importante da cidadanía.
Eliminación de vivendas ilegais do rexistro de VUTs da Xunta
A preguntas dos medios sobre o problema das Vivendas de Uso Turístico, Pontón reprochou que o Executivo de Rueda non só que non actúe senón que ademais, boicotee “medidas valentes” como as tomadas polo Concello de Santiago ou que manteña un rexistro de vivendas de uso turístico que, denunciou, “é un coladeiro de vivendas” que non poden estar inscritas, dándolle deste xeito “carta de legalidade ao que é unha ilegalidade manifesta”.
“O máis grave é que teñen constancia desa ilegalidade e non fan nada para corrixilo”, polo que rematou reclamando á Xunta que elimine eses centos de vivendas ilegais dese rexistro, aínda que considerou esta só unha das medidas a tomar.
Cómpre lembrar neste sentido, que o BNG aposta por definir as zonas onde existe un problema de exceso de VUTs, aplicar un tope de vivendas turísticas nas zonas tensionadas e establecer un límite temporal ao uso turístico cando supoña un problema de acceso a vivenda residencial.