Ana Pontón propón un Plan de vivenda pública en aluguer nas cidades destinado á xente moza e ás familias con menos renda
Denuncia que o PP abandonou a política social de vivenda: “Catorce anos perdidos, prometeu 870 vivendas entre 2015-2020 pero entregou 40”
Goretti Sanmartín: “Comprométome a realizar un plan para favorecer a venda ou aluguer das 9.500 vivendas baleiras existentes en Compostela”
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, compareceu sobre un dos asuntos que máis preocupa á cidadanía: a vivenda. Fíxoo no Castiñeiriño, en Santiago de Compostela, acompañada da candidata do BNG á alcaldía da cidade, Goretti Sanmartín, unha das urbes galegas con máis problemas de acceso á unha vivenda a prezos razoables.
A líder do Bloque quixo trasladar as propostas do BNG en materia de vivenda, “tendo en conta as dificultades de acceso que está tendo unha parte moi importante da poboación, en particular xente a moza, pero tamén as familias con salarios baixos e mesmo con salarios medios, ante a subida imparable dos prezos”, declarou.
Neste contexto, Pontón cualificou de “impresentable” a falta de alternativas do Goberno do PP, que “nos últimos catorce anos ten abandonado case por completo a promoción de vivenda pública para venda e para aluguer”, denunciou. O PP prometeu 870 novas vivendas de promoción pública no anterior plan de vivenda de 2015-2020. Finalmente adxudicou menos de 40 en todo ese período, indicou.
Os datos que aporta a propia Xunta deixan claro o aumento dos alugueres: desde 2016 o aluguer aumentou en Galiza un 25%, o que implica que os galegos e galegas pagan de media 1.120 euros máis cada ano. “En cidades como A Coruña, Santiago ou Vigo, os incrementos oscilan entre os 1.500, 1.300 e 1.700 euros, respectivamente, xerando unha situación insostible para moitísimas familias e para moita xente nova”, alegou Pontón.
Con respecto a isto, declarou que o Goberno do PP “promete pero non é capaz de cumprir as súas promesas, abandonando o investimento en vivenda pública. Isto tradúcese en que as rendas baixas teñan cada vez máis dificultades para poder pagar a vivenda, tras catorce anos co PP que derivan en catorce anos perdidos en materia de vivenda”, denunciou.
De terse mantido o ritmo de inversións en vivenda existente en 2009, teríanse investido 1.000 M€ máis en vivenda desde 2009. “Imaxinade as vivendas de protección que poderían terse construído” subliñou.
Ante un PP que ten completamente paralizada a promoción de vivenda pública, o BNG presenta cinco medidas concretas para reverter a situación.
A primeira, axudas ao aluguer para a mocidade, tendo presente que o Bloque xa propuxera destinar 2M€ nos orzamentos de 2022 e que foi rexeitado. “Propoñemos tamén que as axudas do bono alugueiro mocidade se concedan tendo en conta o número de persoas que comparten vivenda e que se atenda a realidade de pisos compartidos, habitual entre a xente moza”.
Galiza como Europea
A segunda das proposta pasa por crear un parque de vivenda pública en aluguer que achegue a Galiza ao entorno europeo, no que a vivenda pública representa un 9,3% do total. “Aquí é menos do 1%”, alertou a portavoz nacional, “por iso propoñemos aumentar a porcentaxe de vivenda pública en alugueiro até un mínimo do 5% do total construído”.
A terceira medida consiste nunha bolsa de vivenda para estudantes, a cuarta delas fundaméntase na mobilización de vivenda baleira e contención de prezos. “Galiza ten un 18% de vivenda baleira, así que formularemos medidas impositivas, que fagan aflorar a vivenda ao mercado libre, contribuíndo a un aumento da oferta e un descenso dos prezos; e tamén medidas de axuda á rehabilitación e de mediación por parte da Xunta para que parte desas vivendas se re dirixan ao aluguer a prezos accesibles” declarou.
Finalmente, a quinta proposta xira arredor da facilidade de acceder a unha vivenda. Neste sentido, o BNG propón que o Estado ceda á Xunta todas as vivendas que a SAREB teña en Galiza e que se sexan aptas para uso residencial. “Serían xestionadas desde a administración galega e isto permitiría contar con máis pisos para atender a enorme demanda do Rexistro de Demandantes de Vivenda. É unha medida de xustiza social que debería de estar xa efectivizada”, concluíu.
A vivenda: un dos principais problemas de Compostela
"O alto prezo da vivenda en Santiago de Compostela é un dos principais problemas da veciñanza e no BNG compartimos esta preocupación, polo que queremos buscar solucións e facilitar a posibilidade de compra e de aluguer de vivenda", indicou a portavoz municipal e candidata á Alcaldía, Goretti Sanmartín.
Así, explicou que a vivenda é unha peza clave para dinamizar a economía local, para aproveitar e conservar o patrimonio inmobiliario existente co fin de gañar habitantes en Santiago de Compostela, de incrementar a calidade de vida e de impulsar o crecemento demográfico.
Parcela do Castiñeiriño, exemplo de incumprimento
Nesta visita ante estas obras paralizadas da construción de vivendas de protección pública no Castiñeiriño, sinalou que a Xunta licitou por 3,5 millóns de euros a construción de 24 pisos de promoción pública nesta parcela do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) situada no SUNP 13. Este edificio, paralizado na actualidade, debería estar rematado en xuño de 2023. Cómpre lembrar que esta licitación se produciu en xuño de 2020, nos días previos á campaña das eleccións galegas, despois dunha década sen construír unha soa vivenda de protección en Santiago de Compostela. Vemos, entón, como o Goberno do PP non cumpre.
"Cuestionamos a política de vivenda do PP Xunta, por seren insuficientes as vivendas de protección que se van crear despois dunha década sen facer ningunha, e do PSOE por non reclamar axilidade nin preocuparse polo desenvolvemento destas obras", sinalou. A pesar da demanda de 750 persoas solicitantes rexistradas para conseguir vivenda pública en Santiago, a Xunta tan só ten previsto construír 60 vivendas. "Santiago merece máis e merece que a as persoas que teñen o corazón en Compostela poidan ter unha vivenda no concello que elixen para vivir", engadiu.
Ademais, indicou que os prezos do alugueiro tamén se incrementaron "de maneira escandalosa". O alugueiro subiu en Compostela nos últimos anos unha media anual de 1348.8 euros, case un 30% máis que en 2014, o que afecta especialmente a xente moza, destacou acompañada da secretaria xeral de Galiza Nova, Marta Gómez.
Perder poboación ante concellos limítrofes
"No BNG de Santiago apostamos por crear un plan de dinamización de vivenda baleira para destinala a aluguer para que a mocidade poida independizarse e para que a xente poida dispoñer de fogar en Compostela e fixar aquí a súa residencia, en vez de trasladarse a concellos limítrofes ou pensar en emigrar por falta de vivenda e de condicións laborais estábeis", destacou entre as medidas do programa.
Anunciou que "o BNG comprométese a realizar un plan, en colaboración coas administracións con competencias en vivenda, para favorecer a venda ou aluguer das 9.500 vivendas baleiras existentes segundo o INE en Santiago de Compostela con garantías para as persoas propietarias e facilidades para quen busca piso".
Tamén é preciso reforzar os investimentos para rehabilitación e acondicionamento de vivendas antigas, co fin de gañar confortabilidade en canto a illamento térmico, insonorización, accesibilidade e eficiencia enerxética que son necesarios para mellorar a calidade das vivendas e adecualas aos requirimentos actuais. "Referímonos tamén ao Ensanche, onde existen numerosas vivendas deshabitadas que anteriormente foron utilizadas no boom de estudantes e que, na actualidade, precisan un acondicionamento".
"Con estas medidas do BNG, queremos para darlle solución ás persoas que teñen o corazón en Compostela e que queren residir no concello que elixen para vivir, para frear a expulsión a concellos limítrofes ou á emigración á que conducen as políticas de PP e PSOE por falta de oportunidades laborais e de contar cun fogar para realizaren o proxecto de vida en Santiago", concluíu.