Ana Pontón propón un Plan urxente a favor de Ourense con medidas no sanitario e de axudas no económico e social
Entre as propostas: axudas directas a autónomos e ao sector da hostalería pechado un mes antes que no resto de Galiza, mellorar as dotacións sanitarias e rescate das persoas en risco de pobreza
Pontón responsabiliza a PP e PSOE da parálise da cidade: “están, literalmente, boicoteando Ourense en plena pandemia”
A portavoz nacional, Ana Pontón, compareceu ante os medios tras un encontro de traballo cos responsables locais, lamentando que a situación de Ourense sexa hoxe peor que fai dous meses cando o BNG puxo sobre a mesa unha solución viable para sacar a cidade das Burgas da situación de parálise institucional derivada dun goberno municipal en descomposición.
De feito, a cidade das Burgas está sendo especialmente afectada na segunda onda da COVID onde o peche perimetral comezou un mes antes, o que se suma que delicada situación económica previa. Por iso, o BNG pon sobre a mesa medidas concretas a favor da cidade a través dun Plan urxente para Ourense ante a parálise do Goberno local e a falta de acción política do Goberno da Xunta.
Un Plan urxente para Ourense, explicou Pontón, “que actúe de inmediato no ámbito sanitario, social e económico con tres actuacións concretas: un plan de reforzo sanitario, rescatar ás persoas en risco de exclusión social mobilizando os recursos necesarios e axudas para os e as traballadoras autónomas e as PEMES”
Tras o encontro mantido co portavoz municipal, Luís Seara, coa deputada pola provincia Noa Presas e con outros responsables locais, a líder do Bloque entrou no detalle dese plan.
Así, en materia económica, o BNG propón axudas inmediatas a través a través dunha liña de rescate con 200 millóns de euros destinado os autónomos e autónomas, co cargo aos orzamentos da Xunta de 2021 con posibilidade de ser ampliad. É unha segunda liña de axuda á hostalería e turismo de 30 millóns de euros para compensar como mínimo o 50% das perdas derivadas do peche COVID. “Ourense e concellos limítrofes que levan máis tempo soportando as limitacións deben ser preferentes”, salientou Pontón.
En materia social, a pobreza na cidade xa supera as cifras da crise de 2009, “e todos vimos as colas para conseguir alimentos e produtos básicos demoledoras para calquera goberno”, indicou Pontón, polo que o Bloque defende unha actuación urxente na cidade neste ámbito, tendo en conta ademais que o concello conta cun remanente de 100 millóns de euros, “pero para iso Feijóo e o PP teñen que deixar de ser cómplices necesarios da parálise”.
Finalmente, no ámbito sanitario, a formación nacionalista propón reforzar o persoal e os servizos no CHUO, -por exemplo cunha unidade de xeriatría clave tendo en conta o alto nivel de envellecemento ou, tamén, para tratamento do ictus-, e garantir a poboación a atención sanitaria máis aló da COVID a través dos centros de saúde, “porque a telemedicina non é a solución”.
Estar á altura da cidadanía de Ourense
O BNG considera urxente actuar en positivo na cidade, tendo en conta que a situación non fixo máis que empeorar, do que responsabiliza a PP e PSOE empeñados en poñer os seus intereses partidistas por riba da veciñanza.
“Prefiren facerlle unha pinza á cidade demostrando que lles importa ben pouco o futuro e o benestar da xente que aquí vive e intenta saír adiante en medio dunha pandemia, ambos partidos están, literalmente, boicoteando Ourense e causando un prexuízo aos veciños e as veciñas, no ámbito económico e social e todo iso co agravante de estar en medio dunha pandemia”, denunciou.
Ambos son “cómplices necesarios”, insistiu, ao tempo que recriminaba a posición dun presidente da Xunta que podería evitar a situación, “se decidise que xa está ben de sacrificar o futuro desta cidade por manter o Baltarismo no poder, ou deixara de utilizar Ourense como banco de probas dos seus experimentos”, concluíu, tras subliñar a actitude “de fortaleza e responsabilidade dos e das ourensás e no BNG queremos estar a súa altura poñendo solucións como as que acabamos de presentar”.