Ana Pontón propón un plan integral de xestión forestal para poñer en valor o monte galego
A candidata do BNG á Presidencia da Xunta defende a eliminación do monocultivo de eucalipto para evitar que o monte sexa un polvorín
A candidata do BNG á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, avanzou como unha das propostas da formación nacionalista de cara ás eleccións galegas un plan integral de xestión forestal que poña en valor o monte galego. Unha cuestión chave pasa por acabar coa situación actual que sofren os montes, convertidos nun polvorín que pon en perigo as vidas e tamén os bens públicos e privados cada vez que se produce un incendio, apuntou en declaracións aos medios no transcurso da súa visita á Feira do Polbo de Bueu.
Ana Pontón apelou á necesidade de rachar co modelo de monocultivo do eucalipto e de aproveitar a riqueza dos montes do país, valorizalos e aproveitar os recursos forestais é unha das principais propostas que leva o BNG no seu programa. Trátase, en definitiva, dunha aposta por unha xestión sostíbel e multifuncional do monte, subliñou.
A candidata nacionalista a ocupar a Presidencia do Goberno galego tamén se referiu a propostas relacionadas coa comarca do Morrazo, para a que reclamou unha mellora da atención sanitaria. Defendemos a creación dun centro de alta resolución, un modelo de asistencia integral con especialidades que evite o colapso dos hospitais, que forneza unha atención de calidade na comarca e que finalice co desprazamento das persoas doentes, afirmou.
A respecto da creación de postos de traballo, a tamén portavoz nacional do Bloque avogou pola ampliación do Polígono de Castiñeiras, unha ampliación prometida e "requeteprometida" que nunca chega, así como por estabelecer unha estratexia que permita o asentamento de empresas de I+D+i na comarca. Isto, á súa vez, expuxo, posibilitará aproveitar o potencial da nosa base produtiva. Temos que facer da innovación un elemento chave no desenvolvemento dos sectores produtivos do país, engadiu.
Propostas para Bueu
A candidata nacionalista non esqueceu outras demandas da veciñanza da comarca, como son a ampliación do Museo Massó ou a mellora dos equipamentos deportivos. No caso do Bueu, e facéndose eco das solicitudes do propio Goberno municipal nacionalista, Pontón citou a mellora da seguranza viaria, existen moitos puntos de competencia da Xunta nas que non hai sequera beirarrúas malia estaren poboadas, e a construción dunha piscina.
Na súa visita á Festa do Polbo, Pontón puxo Bueu como exemplo da capacidade que temos no BNG para transformar en positivo e para mellorar a calidade de vida. Concellos como Bueu avanzan e son referencia do bo facer dos Gobernos nacionalistas, salientou.