Ana Pontón propón o modelo transformador do BNG fronte os que trouxeron decepción e os que repiten políticas fracasadas
E Tomiño pide reforzar o apio a Sandra González: “Tendes unha alcaldesa de champións para que este concello siga avanzando imparable”
Miranda: “O escano do BNG en Bruxelas volverá ser, con máis forza, o escano do pobo galego”
A portavoz nacional, Ana Pontón, pechou unha intensa xornada de campaña en Tomiño onde colocou o modelo municipal do BNG como a alternativa aos que só ofrecen as políticas fracasadas de sempre e os que prometeron cambialo todo pero só provocaron decepción.
“Onde gobernamos transformamos, construímos concellos con calidade de vida, exemplos de democracia participativa, capaces de sacarlle partido a cada euro, concellos feministas, sustentables, honestos e libres de corrupción. Onde gobernamos aplicamos política social, practicamos un urbanismo para as persoas, e fomentamos o orgullo polo noso, pola nosa lingua e a nosa cultura”, puxo en valor a líder do BNG.
“Temos as ideas claras e imos a por todas, non nos poñemos límites porque, con toda humildade pero tamén con todo orgullo, digo que temos o mellor proxecto para os concellos, e o demostramos. Por iso queremos sumar concelleir@s, ganar máis alcaldías a favor das persoas, e ser decisivos en todas as cidades do país”, subliñou.
Pontón insistiu en que os votos ao BNG serán decisivos para “abrir o tempo novo” en Galiza nas eleccións galegas, convencida de que tras o descalabro do 28A, o PP de Feixóo volverá levar un batacazo este 26M, “é o definitivo será en 2020 onde recibirá o finiquito nas urnas”. “Avanzar nos concellos é avanzar cara ese tempo que queremos abrir en Galiza, que o Bloque está en disposición de liderar cun proxecto de país, solvente, unido e coa man tendida”.
Pontón colocou Tomiño como un exemplo do modelo municipal de éxito do BNG que, unha vez máis, logrou transformar unha vila decadente nun referente en todo o Baixo Miño.
“Fai doce anos, Sandra González e todo o seu equipo empezaron a facer historia neste concello, colocaron Tomiño no mapa e hoxe é un municipio ao que se mira con admiración porque é un concello dinámico, modernizado, participativo, con servizos públicos de calidade, cun urbanismo renovado e pensado para as persoas, amigo da infancia, cunha intensa axenda cultural”, explicou.
Chamamento á mobilización
Por iso, de cara o 26M pediu á veciñanza un apoio reforzado para a candidata, “porque tendes unha alcaldesa de champións para que este concello siga avanzando imparable”. Pese á confianza nun gran resultado nas eleccións, Pontón fixo un chamamento á mobilización e a non dar nada por feito.
“Temos que mobilizarnos, estar activos até o último minuto, chamar a todas as portas, falar con todas as persoas que coñecemos para explicarlles este modelo municipal que mellora a vida da veciñanza, explicarlle as nosas propostas para facernos ouvir no Parlamento europeo, e conseguir o 26M que as urnas se enchan de papeletas do Bloque”, concluíu.
A candidata á eleccións europeas, Ana Miranda, destacou a importancia de que Galiza reforce a súa representación en Europa a través do escano BNG “que volverá ser o escano do pobo galego”. Co aval do traballo feito, a actual eurodeputada recalcou que é clave ter unha voz propia “que dea a cara polos intereses” deste país, pois na UE se toman a diario decisións que afectan directamente os sectores produtivos.
No caso de Tomiño e de toda a comarca do Baixo Miño fixo referencia ao sector vitivinícola, aos sector pesqueiro e ao sector de produción de flor e de horta, “sobre os que a UE lexisla e aí estará o BNG para evitar que se faga ignorando os intereses dos e das produtoras de Galiza”.
Xunto coa defensa dos intereses dos sectores produtivos, Miranda tamén se comprometeu a batallar polos dereitos das mulleres, “porque en momentos de involución como os que padecemos non podemos dar nin un paso atrás”, a favor das persoas refuxiadas, pola recuperación de dereitos e liberdades, -tamén no plano laboral-, e para sumar a favor dunha Europa social, solidaria e dos pobos. “Esta Europa non nós vale e hai que mudala”, salientou.