Ana Pontón propón “iluminar” Vigo con emprego, actividade industrial e servizos públicos de calidade
O cambio galego é posible cunha mobilización masiva das persoas desconformes cunha Galiza que vai a menos, e pide reverter esta situación nas urnas
Barán aposta por converter a cidade olívica nun polo tecnolóxico e de investigación a favor da economía produtiva
A portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou a presentación da candidatura do BNG en Vigo para destacar que o cambio galego é hoxe máis necesario ca nunca e posible cunha mobilización masiva: “se todas as persoas desconformes ante unha Galiza que vai a menos damos un paso adiante nas urnas e apostamos por abrir un tempo novo da man do BNG”.
Ese cambio galego ten que chegar a Vigo, unha cidade “para a que o PP non tivo ningún proxecto, salvo competir a ver que poñía máis luces na entrada de Rande”, -criticou-, pese a estar nunha crise industrial sen precedentes. “Hai que iluminar Vigo pero con emprego, con actividade económica, con servizos sociais de calidade e cunha sanidade pública de primeira libre das privatizacións do PP, e ese é o compromiso desta candidatura”, salientou a líder nacionalista.
“O meu compromiso é liderar un goberno a favor desta cidade,para que Vigo acade o seu potencial como motor industrial e tecnolóxico de Galiza, o cambio galego significa colaboración, respecto, apoio, sumar enerxía, talento, investimento. Este é o meu compromiso e con ese obxectivo saimos a por todas o vindeiro 12X, porque no Vigo post COVID19 o cambio galego é máis necesario que nunca e será imparable se todas as persoas inconformistas co que está pasando nos mobilizamos nas urnas arredor da candidatura do BNG”, proclamou.
E para facelo posible, destacou, o BNG conta cos mellores nunha candidatura que encabeza Luís Bará, que conta con Montse Prado, Alexandra Fernández, Manuel Lourenzo, Carmela González, Paulo Ríos, Cristina Fernández e co resto de persoas dunha lista que suma representantes dos distintos sectores económicos, sociais, persoas que coñecen ben esta cidade e o conxunto da provincia.
Para que a cidade olívica recupere as posicións perdidas, o Bloque presenta medidas concretas para reactivar a cidade, co emprego e coa defensa dos sectores produtivos como prioridades, “tendo en conta que a pandemia derivou tamén en miles de persoas nun ERTE, miles de persoas no paro que non ven futuro e para todas elas temos que poñer en marcha o cambio galego que tamén implica apostar por emprego estable”.
Entre as propostas, converter Vigo nun referente en I+D+i, man a man co sector público, co sector privado e coa Universidade, cuxo campus ten xa unha clara vocación tecnolóxica, tendo en conta que a cidade medrou en paralelo a dous sectores onde a investigación é un valor, o sector da automoción e o sector naval.
Impulsar un plan de reindustrialización de Vigo e a súa área de influencia que atalle a perda de emprego no sector industrial. Nese plan, o sector naval é unha peza clave, por iso a proposta recolle a creación dun centro de reparación naval na Ría de Vigo. Igualmente, o sector de automoción como parte do ADN de Vigo, motiva que o programa do BNG inclúa medidas para frear a deslocalización de empresas vinculas ao cluster do automóbil cara Portugal.
E, finalmente, Pontón tamén fixo fincapé nunha cuestión “fundamental”: reverter os recortes e privatizacións en particular nunha sanidade pública que foi clave para frear a expansión da pandemia e para salvar vidas. “Vigo merece un hospital de referencia 100% de xestión pública e ese é un compromiso ao que non renunciamos para o Alvaro Cunqueiro”, recalcou.
Apertura de fronteiras con Portugal
Pontón concluíu cun recoñecemento á veciñanza dos concellos da raía pola apertura, cando menos parcial, de novos pasos fronterizos, “que foi posible pola presión política e social, da veciñanza e dos alcaldes e alcaldesas, que desde o BNG apoiamos desde o primeiro momento, fronte a un Feixóo ausente a quen nada lle importou que durante meses, miles de traballadores e traballadoras estivesen prexudicadas, facendo rodeos quilométricos, non moveu un dedo”.
Pola súa parte, o cabeza de lista, Luís Bará, comprometeuse “a dar o mellor como candidatos e candidatas e como BNG” para conseguir “esa gran paso adiante do cambio galego que se ten que construír co liderado de Vigo e da súa área metropolitana, que debe ser motor do país, deixando atrás personalismos e confrontacións” e da man dun “gran acordo de país”.
Bará puxo sobre a mesa tres prioridades: reactivación da industria, construír un gran polo tecnolóxico e da innovación ao servizo do tecido produtivo e impulsar o Porto de Vigo como motor económico, “estamos preparados para gobernar Galiza como demostramos nos concellos, temos proxecto, temos liderado e temos paixón polo país e, con todo isto, saímos a por todas”, concluíu.