Ana Pontón propón habilitar un fondo extraordinario de axudas para reparar os danos causados polas riadas
Critica que Rueda nin sequera se desprazase ás zonas afectadas: “Unha vez máis o Goberno do PP demostra que está alleo ós problemas da xente”
O BNG demanda ao Executivo que contacte cos concellos e pacte un plan de recuperación das infraestruturas danadas implicando tamén a FEGAMP
A portavoz nacional, Ana Pontón, visitou Tomiño para coñecer in situ os danos causados polas fortes choivas dos últimos días, que causaron fortes danos en case todos os municipios da Comarca do Baixo Miño e do Condado como Tui, A Guarda, O Rosal, Mondariz Balneario ou Ponteareas.
Os danos afectaron a infraestruturas de todo tipo: pontes, estradas, instalacións deportivas, parques infantís e bens patrimoniais de gran valor cultural. Por iso, Pontón insta ao Goberno do PP a poñerse en contacto cos responsables municipais e pisar o territorio.
“Estamos ante un Goberno do Partido Popular que, moitos días despois dos danos causados polas intensas choivas, nin está, nin se lle espera, amosándose unha vez máis insensible ante os problemas da xente do común, instalado na rutina, sen pulso político e incapaz de dar solucións” declarou. De feito, recriminoulle ao presidente da Xunta que “nin sequera” visitase as zonas afectadas.
Por contra, a líder do Bloque visitou os danos provocados no concello de Tomiño, como os rexistrados na fortaleza de Goián, e avanzou as medidas propostas polo BNG no Parlamento para poder solucionalos. En primeiro lugar, a formación nacionalista propón habilitar unha partida extraordinaria de axudas para afrontar os gastos de reparacións. En segundo lugar, propuxo aprobar un plan de protección, conservación e restauración dos bens culturais afectados polas riadas. E, desde logo, instou á Xunta a que estableza contacto cos concellos afectados e avalíe os danos.
“Neste momento hai que estar do lado dos veciños e das veciñas, falar coas persoas afectadas, falar cos representantes dos gobernos locais para poñerse a súa disposición ofrecendo axuda, ofrecendo medios, ofrecendo recursos. En definitiva, aportando solucións” concluíu Pontón.