Ana Pontón propón un fondo extraordinario de axudas ao marisqueo pola mortaldade nas rías, que sofren un “problema estrutural”
Critica ao Executivo de Rueda por escudarse en escusas puntuais como a choiva e non enfrontar a perda de produtividade continuada nas rías galegas
Defende a creación dun comité de crise, un protocolo de baleirado dos encoros e a rexeneración e recuperación integral das rías
Denuncia que Goberno do PP reduce nun 37% a partida destinada ao mantemento dos bancos marisqueiros nos Orzamentos de 2024
A portavoz nacional, Ana Pontón, propón un fondo extraordinario de axudas para compensar a caída nos ingresos das mariscadoras e mariscadores afectados pola mortaldade masiva nas rías galegas, fundamentalmente de ameixa e berberecho, pero que tamén afecta a outras especies, e que, segundo recalcou, non é un problema puntual como pretende facer ver o Goberno do PP, senón un problema estrutural de perda de produtividade continuada.
Pontón critica ao Executivo de Alfonso Rueda por “non estar á altura” e limitarse a poñer escusas “como que en Galiza chove, cando en Galiza leva chovendo moito durante toda a súa historia”, sen enfrontar o problema de fondo de perda de produtividade que levan padecendo as rías galegas dende hai décadas.
“Necesitamos un goberno que dea solucións e tome medidas e non un goberno que estea botando balóns fóra”, afirmou en Rianxo, onde, acompañada da portavoz parlamentaria de Pesca, Rosana Pérez, comprobou de primeira man coa confraría e mariscadoras e mariscadores da vila, o que considerou un dos grandes problemas do sector xusto na campaña de Nadal e que supón un “mazazo tremendo” para miles de familias que dependen directamente do marisqueo.
A líder nacionalista urxiu á Xunta, que ten as competencias exclusivas na materia, a asumir a súa responsabilidade e facilitar solucións a curto prazo como o plan extraordinario de axudas proposto polo BNG, xa que a declaración de zona catastrófica “pode ser unha medida, pero sabemos que é a longo prazo” e non dá resposta á urxencia que require a situación para as mariscadoras e mariscadores que “levan meses sen ter absolutamente ningún ingreso ou moi pouquiños”.
De igual xeito, defendeu a creación dun comité de crise -integrado por Xunta, sector, universidades e centros de investigación- para abordar “o problema de fondo”, a perda de produtividade nas rías que, segundo indicou, “vénse acelerando nos últimos anos” e ante o que o Goberno do PP “o único que fixo foi facer como que non existía”. “Unha tremenda irresponsabilidade porque estamos falando dun sector que é estratéxico, unha das columnas vertebrais da economía do noso País en toda a súa zona costeira”, reprochou.
Pontón tamén defendeu a posta en marcha dun protocolo para o baleirado dos encoros co fin de evitar que desauguen en baixa mar sen ter en conta o dano que pode sufrir o marisqueo, provocando “a morte de todo o traballo de meses” e provocando, polo tanto, unha evidente afección económica e medioambiental.
Neste sentido, reafirmou o compromiso do BNG para poñer en marcha liderando o goberno do cambio este protocolo que estableza responsabilidades, control e sancións porque “o que non pode ser é que teñamos un Goberno do PP que pon os intereses das eléctricas por diante do sector marisqueiro”.
Por último, e ao igual que reclama o sector, avogou por un estudo científico para abordar “en serio” o problema de contaminación que sofren as rías e abordar dunha vez por todas a súa rexeneración para que recuperen a súa calidade medioambiental e as súas zonas produtivas, converténdoas en motor económico de futuro.
A portavoz do Bloque mostrou a súa preocupación ante os Orzamentos 2024 que vai aprobar en solitario a semana que vén o Executivo de Rueda e nos que se reflicte “unha caída do 37% dos fondos destinados ao mantemento dos bancos marisqueiros” o que, segundo advertiu, representa “un exemplo moi claro da desatención que a Xunta ten cun sector tan importante no País como é o marisqueiro”.
Fronte a un Goberno do PP que non ofrece solucións a un sector que considerou “estratéxico e cun enorme futuro”, Pontón comprometeuse dende o goberno que aspira a presidir a defender o sector, abordar os problemas estruturais que teñen as rías e a poñer en valor o seu enorme potencial e capacidade porque “producimos o mellor marisco do mundo, pero temos un goberno que non fai absolutamente nada ante os problemas estruturais”, concluíu.