Ana Pontón propón duplicar o investimento no sector do libro e un Instituto Rosalía para internacionalizar a nosa lingua e cultura
Critica que a achega do Goberno do PP en trece anos sexa “unha páxina en branco” e destaca o potencial da cultura para xerar riqueza e emprego
Traslada as propostas estratéxicas do BNG ó sector, nun encontro na librería coruñesa Moito Conto, en vésperas do Día internacional do Libro
A portavoz nacional, Ana Pontón, mantivo un encontro con representantes do sector do libro e, precisamente rodeada de libros na librería coruñesa Moito Conto, explicou as propostas estratéxicas do BNG para potenciar un sector que aporta cultura pero tamén riqueza e emprego.
“É un sector estratéxico ó que en trece anos o goberno do PP só aportou unha páxina en branco”, denunciou a líder do Bloque, inacción que ten como proba máis evidente o recorte do 60% da partida orzamentaria destinada ó sector, con 2,2 M€ nas contas públicas de 2022 fronte ós 5 M€ que se aportaban en 2009.
Por contra, o Bloque considera clave facer unha aposta estratéxica de apoio os e as creadoras do sector do libro, tanto pola súa importancia cultural como polo seu potencial económico. Neste sentido, a portavoz nacionalista aproveitou o encontro para trasladar as medidas que un goberno do BNG poría en marcha a favor do libro en galego.
En primeiro lugar, consensuar co sector un plan de fomento do libro e da lectura; en segundo lugar, incrementar os recursos económicos para, cando menos, recuperar o investimento que había en 2009; en terceiro lugar, crear o Instituto Rosalía de Castro para a difusión internacional da cultura galega.
“Unha entidade similar á que xa teñen Euskadi, Catalunya ou o Estado español, mentres que a cultura en lingua galega é a única que non conta cun instrumento destas características para a súa internacionalización, o que implica competir en desigualdade de condicións e perder oportunidades”, explicou Pontón. Finalmente, a aposta do BNG polo sector do libro inclúe tamén axudas directas ás persoas que xera cultura, por exemplo financiando estadías artísticas.
“A lectura é un pilar para construír unha sociedade máis crítica, con máis capacidade de afrontar os desafíos democráticos que temos por diante e, como galegos e galegas, temos que facer unha aposta firme pola nosa cultura e pola nosa lingua”, salientou Pontón, tras un encontro no que tamén participou a portavoz parlamentaria de Cultura e escritora Mercedes Queixas, xunto con destacados nomes do mundo do libro.
Entre outros, Cesáreo Sánchez, presidente da Asociación de Escritorxs en Lingua Galega; o editor Henrique Alvarellos; IriaTaibo, pola Asociación Galega de Tradución e Interpretes, Ramón Domínguez, da Federación de Librarías; Laura Romero, da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración, Xoán Manuel Pérez da Asociación de Profesionais de Arquivos ou Inma Otero, da Asociación Galega de Crítica.
Preguntada polo relevo de Feixóo, Pontón destacou que trece anos de goberno do aínda presidente da Xunta deixan unha Galiza peor, “que foi a menos en emprego, cultura, lingua, demografía, servizos públicos” e, neste sentido, “se o relevo consiste en deixar á fronte o seu secundario o balance para o País será aínda peor”, alegou. En todo caso, “o que se necesita é abrir un tempo novo que deixe atrás a Galiza que foi a menos do PP, e os galegos e as galegas deben saber que o BNG está traballando con toda a intelixencia e con toda a humildade para dar unha alternativa de futuro a este País”, concluíu.