galegas 2024

Ana Pontón propón Do Rural á Mesa, un programa de compra de produto galego para comedores escolares, hospitais ou centros sociais e da administración

Encontro Mazaricos

A medida persegue apoiar a produción local e mellorar a alimentación nos comedores públicos, subliñou nunha visita a una explotación de Mazaricos

Anuncia un tícket rural dotado con 15.000 euros anuais e rebaixas nas cotizacións dos emprendedores para impulsar proxectos innovadores no sector agrogandeiro

O goberno liderado polo BNG aprobará un cheque de compra de alimentación para que as familias de menor renda teñan acceso a produtos frescos de calidade 

Destaca o papel das mulleres no rural e avanza o compromiso de estender o servizo de xantar na casa a todas as persoas dependentes que viven no rural

A portavoz nacional e candidata á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, estivo esta mañá nunha explotación gandeira dirixida por mulleres en Mazaricos, unha visita que aproveitou para avanzar algunha das propostas de goberno do BNG para o sector agrogandeiro.  Entre elas, a posta en marcha do programa Do rural á Mesa destinado á compra pública de produto galego para o seu consumo en comedores de centros escolares, hospitais, centros sociais e da administración.

Do Rural á Mesa servirá, destacou Pontón, para “apoiar de maneira directa aos nosos produtores e produtoras, pero tamén para aumentar a calidade da alimentación que se proporciona nos espazos públicos”. Trátase, afondou, dun programa aberto ao conxunto das administracións galegas mediante a compra conxunta de “produto fresco, galego e de proximidade” co que fornecer ás cociñas de todos os comedores de cáracter público, un obxectivo que a candidata nacionalista propuxo cumprir ao longo da lexislatura.  

Na mesa liña, avanzou que un goberno liderado polo BNG vai poñer en marcha un cheque de compra de alimentación para que as familias de rendas más baixas, “as que peor o están a pasar”, teñan acceso a produtos frescos de calidade e, polo tanto, tamén a unha mellor alimentación.

Visita Mazaricos

Dúas propostas ás que a candidata comprometeuse en Mazaricos co obxectivo de manter “un rural vivo e produtivo” que o programa do BNG enfoca dende tres claves prioritarias: a dotación de servizos propios do século XXI tanto no ámbito social como tecnolóxico, o apoio ao sector agrogandeiro e o fomento do emprendemento para dar paso a novas actividades económicas.

Entre as medidas concretas para avanzar nun rural capaz de xerar riqueza e emprego, e que ao tempo axude a preservar o territorio, Pontón avanzou a posta en marcha dun tícket rural, dotado con até 15.000 euros anuais, durante un quinquenio, para apoiar proxectos innovadores que non estean directamente relacionados co sector agrogandeiro.

Para completar esta medida, adiantou que co BNG na Xunta haberá rebaixas na cotización á Seguridade Social para todas as persoas que emprendan no rural. En concreto, o programa nacionalista inclúe exencións na cota de autónomos durante os tres primeiros anos.

100.000 hectáreas máis de superficie agraria útil

A candidata do BNG considerou, por outra banda, que para  as explotacións agrogandeiras é fundamental o aumento da superficie agraria útil, que en Galiza é menor que non conxunto do Estado e de Europa.

Mobilizar para pasto terras de monte que hoxe son improdutivas, permitir o cambio de usos da terra segundo as necesidades dos gandeiros e as gandeiras ou reactivar o banco de terras para facilitar o uso agrogandeiro das que están abandonadas son algunha das propostas do BNG neste eido.

Pontón comprometeuse en concreto a mobilizar 100.000 hectáreas nos próximos dez anos como “revulsivo” para o sector agrogandeiro e avogou pola incorporación de xente moza, un obxectivo que o BNG quere acadar mediante un plan de axudas específico para facilitar o relevo xeracional das explotacións, que tamén se nutra con fondos procedentes da PAC.    

Apoio ás mulleres do rural

A candidata nacionalista aproveitou a visita á explotación de Mazaricos para destacar o traballo feito polas mulleres no rural, moitas veces non recoñecido. Por iso un dos seus compromisos será tamén traballar pola igualdade no rural, promovendo a cotitularidade das explotacións ou con máis recursos para a conciliación.

“Temos que dar un paso adiante cunha política de discriminación positiva”, proclamou Pontón, que destacou que unha das súas prioridades como presidenta da Xunta será dotar ao rural de máis servizos públicos, tanto en sanidade como en educación ou nos coidados ás persoas maiores. Entre outras medidas, anunciou a extensión do servizo de xantar na casa a todas as persoas maiores do rural que teñan algún grao de dependencia recoñecido. 

“Galiza precisa un cambio de rumbo tamén no rural cun goberno que apoie a súa capacidade e todo o seu potencial”, asegurou Pontón. “Todos os países avanzados teñen un rural forte e produtivo, e queremos que Galiza sexa un deles”, concluíu.

 

Finalizada a visita á explotación, Pontón mantivo un encontro con gandeiros e gandeiras de Mazaricos, un concello que conta con 350 explotacións e 25.000 cabezas de gando.