A portavoz nacional, Ana Pontón, realizou unha visita institucional ao Consello da Cultura Galega, onde mantivo un encontro coa presidenta, Rosario Álvarez, e integrantes da comisión executiva, xuntanza na que destacou o papel investigador e de transferencia de coñecemento que realiza a entidade en relación á lingua e cultura galegas.
Unha visita que a líder do BNG tamén aproveitou para reclamar máis recursos través dos fondos europeos de recuperación económica para un sector que representa un 2% do PIB e xera o 3% do emprego con 30.000 postos de traballo, tendo en conta que a pandemia afectou de cheo os creadores e as creadoras galegas, e sigue afectando pola situación de restricións á que aínda obriga a COVID.
“A cultura galega debe ser receptora dos fondos Next Generation, en concreto un 2% deses recursos tendo en conta a súa aportación ao produto interior bruto do País”, argumentou, ao tempo que formulaba tres propostas a favor o sector financiables cun fondos, que sen ser a panacea, son os únicos extraordinarios para saír da crise.
Esas tres medidas explicadas por Pontón son: a creación dun fondo cultural galego; un plan de recuperación do patrimonio como activo económico e de dinamización do País e fortalecer as industrias culturais, “porque a pesares das súas debilidades estamos ante un sector que ten unha gran base para xerar emprego e riqueza”, indicou, “sería un erro e unha estafa que eses fondos acabasen en mans dunha presa de multinacionais pero se chegar nin as pequenas e medianas empresas nin ao tecido cultural”.
Tras o encontro no CCG, no que tamén participou a portavoz parlamentaria de cultura, Mercedes Queixas, e a portavoz municipal en Santiago, Goretti Sanmartín, Pontón destacou o traballo desta institución estatutaria na posta en valor da lingua e da cultura con aportacións en diversos ámbitos a través da elaboración de informes, en particular a través do observatorio da cultural, que permite ter datos certeiros sobre a situación do sector cultural e diagnosticar as súas necesidades, “un labor que lle fai merecedor do recoñecemento da sociedade”, concluíu.