Ana Pontón propón cribados masivos entre a mocidade para frear a escala de contaxios
A portavoz nacional, Ana Pontón, expresa a preocupación do BNG pola escala de contaxios dos últimos días, que avanza a un ritmo acelerado e continuo, cunha incidencia acumulada próxima aos 500 casos por cada cen mil habitantes. Un nivel de contaxios que non se traduce en cifras dramáticas grazas ao nivel de vacinación, pero que nos poñen en situación de máxima alerta.
Os datos indican tamén que o nivel de contaxios afecta sobre todo a xente moza, que aínda non empezou a recibir o antídoto, coincidindo coas vacacións de verán, un dos momento de maior socialización, especialmente entre a mocidade.
Por iso, indica Pontón, “pedimos ao Goberno de Feixóo que se anticipe e que adopte todas as medidas necesarias para frear os contaxios, as medidas que eviten dar pasos atrás na pandemia”. Neste sentido, a líder nacionalista propón que se fagan cribados masivos, en particular entre a xente nova, “para detectar contaxios e evitar a expansión do virus”.
Igualmente, manter e mesmo acelerar o ritmo de vacinación nos meses de verán, un momento de moita mobilidade social, porque o mellor antídoto é a vacinación. “Estamos nun 50% de poboación coa pauta completa, aínda vinte puntos por debaixo do que consideraba inmunidade de rabaño”, subliña a portavoz do BNG.
Pontón reitera a petición ao Goberno de Feixóo de reforzar o sistema sanitario, en particular na Atención Primaria, cuxo persoal está ao límite das súas forzas despois de quince longos meses de pandemia. “O Goberno do PP lonxe de pechar camas, o que debe facer é xusto o contrario: aumentar os medios materiais e humanos na sanidade pública, vital para vencer ao virus”.
A líder do BNG insiste en pedirlle a xente moza “prudencia” e que sigan mantendo a mesma responsabilidade demostrada ao longo da pandemia. “Somos conscientes de que están nun momento vital no que precisan compartir, relacionarse, divertirse, pero é necesario que sigan extremando as precaucións até que conten coa vacina. Que se sigan coidando, para coidarnos a todos e a todas”, concluíu.