Ana Pontón propón crear unha liña de financiamento de 16 M€ para darlle estabilidade aos grupos de investigación universitaria

Reunión grupos investigación

Avoga por poñer en marcha o programa de consolidación da carreira investigadora Antonia Ferrín Moreiras para captar e reter o talento galego

Avanza que o BNG levará ao Parlamento a creación do INNOGAL como instrumento para impulsar a I+D+i e a xeración de coñecemento no País

Advirte que Galiza está á cola en investimento en I+D e reclama máis medios para a ciencia e a investigación como panca de desenvolvemento

A portavoz nacional, Ana Pontón, defendeu a necesidade de impulsar a ciencia e xeración de coñecemento como “panca de desenvolvemento económico e social” do País e de artellar os mecanismos necesarios para garantir a estabilidade tanto das liñas de investigación estratéxicas que se están desenvolvendo en Galiza, como do propio persoal investigador.

Neste contexto, propuxo tres medidas concretas para poñer en marcha no curto prazo, logo dun encontro cos responsables dos centros de investigación interuniversitarios CISPAC, CITMAGA e ECOBAS, no que tamén participaron a portavoz parlamentaria de Ciencia, Olalla Rodil, e o portavoz parlamentario de Universidade, Daniel Castro.

En primeiro lugar, Pontón propuxo a creación dunha liña de financiamento “basal e estrutural” dirixida aos grupos de investigación universitaria co obxectivo de darlles estabilidade e dinamismo.

Unha liña de axudas plurianual para o período 2025-2028, explicou, e dotada cun total de 16 millóns de euros para a actividade dos grupos de investigación do sistema universitario en ámbitos como, por exemplo, os de Humanidades e Arte, Ciencias Sociais e Xurídicas ou Ciencias Experimentais.

“Queremos centrar esta medida na necesidade de garantir un financiamento básico que fomente a actividade investigadora, que aumente a calidade científica e tamén o seu impacto social, ao tempo que visibilice a nivel internacional o traballo e o coñecemento que levan a cabo os grupos de investigación das universidades galegas”, afondou.

En segundo lugar, a líder nacionalista avogou por poñer en marcha un programa de consolidación da carreira investigadora que o BNG propón denominar Antonia Ferrín Moreiras, en homenaxe á primeira astrónoma galega, nada en Ourense.

Con esta medida, o Bloque quere fomentar a incorporación estable de persoal investigador cunha traxectoria destacada ao sistema universitario galego e tamén “captar e retornar o talento que está fóra do País para que se incorpore a grupos de investigación tanto emerxentes como consolidados”, indicou a portavoz do BNG, quen recordou que Galiza carece desta modalidade nas convocatorias dependentes da Xunta, o que, advertiu, “está lastrando as oportunidades do noso persoal investigador e tamén do propio sistema universitario”.

Por último, Pontón avanzou que o Bloque levará de novo a Pleno parlamentario nas próximas semanas unha proposta que considerou “estratéxica” para o sistema investigador galego, como é a creación do INNOGAL, unha fundación galega para a ciencia como instrumento que permita “impulsar, promover e desenvolver a investigación e a xeración de coñecemento científico-humanístico e tecnolóxico no País”.

Segundo explicou, o proxecto de lei para a creación do INNOGAL foi deseñado polo BNG “man a man co ecosistema investigador” e partiu do estudo de exemplos que son referencia neste ámbito de actuación como Ikerbasque vasco ou o ICrea catalán.

A líder nacionalista enmarcou estas medidas na proposta dun gran Pacto Galego pola Ciencia que permita garantir recursos e darlle estabilidade ao sistema investigador galego como aposta estratéxica de futuro para o País, unha proposta que, sen embargo, “sempre rexeita o Partido Popular no Parlamento”.

Neste sentido, e pese ao avance experimentado no ecosistema investigador galego, Pontón recordou que Galiza continúa á cola en investimento en I+D, cun 1,25% fronte ao 1,49% da media estatal, e cun gasto per cápita de 356,5 euros fronte aos 462,6 euros da media do Estado, segundo os datos do IGE correspondentes a 2023.

“Esta debe ser unha cuestión a superar no futuro e a xeración de coñecemento é unha aposta estratéxica que tamén require de decisións políticas para estar á altura deste reto”, concluíu logo de destacar o enorme potencial que ten Galiza neste ámbito de actuación.