Ana Pontón propón un bono eléctrico de 300€ para autónomos e autónomas e axudas ás PEMES con 10 M€ para proxectos de innovación
Destaca o papel clave das pequenas e medianas empresas na creación de emprego e deben contar co máximo apoio a través dos orzamentos 2023
Visita Novo Milladoiro e traslada o apoio do BNG a un acceso directo a este parque empresarial desde a N550 e que o IES do Milladoiro inclúa FP
A portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou a visita ao parque empresarial Novo Milladoiro para destacar o papel clave das pequenas e medianas empresas na creación de riqueza e de emprego e para anunciar algunhas das propostas que o BNG levará aos orzamentos de 2023 de apoio aos autónomos e PEMES.
“É un sector que temos que apoiar desde a Administración e por iso avanzo algunhas das medidas que propoñemos incluír nas contas públicas do próximo ano, nun contexto de dificultade e de incerteza económica no que o Goberno da Xunta debe activar toda a capacidade que lle dan os orzamentos para apoiar á PEMES e ás persoas autónomas”, explicou a líder do Bloque.
As propostas de apoio a PEMES e autónom@s están vinculadas a tres cuestións: incremento dos custes enerxéticos, innovación e financiamento.
No primeiro aspecto e ante o descontrol do prezo da luz, o BNG propón un bono eléctrico para as persoas autónomas cunha subvención de 300 euros/ano, “que lles permita paliar o incremento da factura enerxética e dos carburantes”, indicou, facendo fincapé en que coa escalada inflacionista ten aínda máis vixencia a proposta do Bloque dunha tarifa eléctrica galega, “que lle abarate a factura tamén ao tecido produtivo formado por PEMES e autónomas tendo en conta que Galiza é produtora neta de electricidade”.
No que respecta á innovación, o Bloque propón incluír nos orzamentos un programa de axudas dotado con dez millóns de euros para que as PEMES contraten proxectos de investigación e innovación cos centros galegos de I+D+i, e podan así mellorar os procesos produtivos nestas empresas que, polas súas características, teñen máis difícil a innovación.
Dada a importancia deste tecido produtivo en termos de emprego, o BNG aposta por fomentar a creación de novos proxectos empresariais cunha programa de axudas ao emprendemento con 20 M€ a incluír nos orzamentos de 2023. Todo, subliñou, “para darlle o máximo apoio ás PEMES e persoas autónomas”.
A portavoz nacional tamén abordou coa asociación de empresarios de Novo Milladoiro as principais demandas de mellora do parque empresarial, centradas nos accesos, en concreto na vella reclamación dun acceso directo desde a rotonda de Milladoiro na N-550, para o que se estima un investimento de 4 millóns de euros, “o BNG xa ten presentado unha emenda aos orzamentos do Estado”, explicou. Igualmente, a formación nacionalista tamén apoia a construción dunha saída directa desde o parque para enlazar coa AG-56.
Mellorar os accesos supón un beneficio para ás empresas instaladas no parque, pero tamén melloraría a calidade de vida da veciñanza, pois suprimiría unha parte moi importante do tráfico dun núcleo urbano onde reside nada menos que o 41% de toda a poboación do concello de Ames.
Finalmente, Pontón avanzou que o Bloque vai reclamar unha mellora na formación profesional “da que a día de hoxe carecen no Milladoiro a pesar de que hai necesidade deste tipo de ensino no ámbito laboral”. Ademais, afondou, “é unha maneira de darlle oportunidades á xente nova e tamén de incrementar a cualificación profesional e imos trasladar esa petición ao Parlamento para que o instituto de Milladoiro ofreza formación profesional básica e dual atendendo ás necesidades do tecido económico e empresarial desta localidade e, por tanto, permita abrir posibilidades laborais e fortalecer a creación de emprego”.
Na visita tamén participou o tenente de Alcaldía, David Santomil, quen incidiu na necesidade de formación para conseguir traballadores e traballadoras cualificadas en ámbitos como o tecnolóxico, TICs, audiovisual, da distribución e comercial, “con ciclos formativos”. E igualmente, insistiu nos accesos ao parque, unha demanda histórica do BNG tamén desde o goberno local de Ames.