Ana Pontón propón blindar por lei cláusulas de igualdade na contratación pública para evitar a discriminación das mulleres
O BNG pon o foco da súa campaña do 8M no ámbito laboral e defende que as administracións velen pola igualdade nas súas contratacións de servizos
Baixo o lema Tempo de avanzar. Para todas, todo, o Bloque reclama “poñer o turbo” nas políticas de igualdade para erradicar as discriminacións
A portavoz nacional, Ana Pontón, presentou a campaña do BNG para este 8M que, baixo o lema Tempo de avanzar. Para todas, todo, fai un chamamento a avanzar como sociedade con maior ambición na igualdade e nos dereitos das mulleres, poñendo o foco nesta ocasión na desigualdade que persiste no ámbito labor, en particular na desigualdade que se dá baixo contratos asinados coa administración pública.
“Queremos que todas as Administracións Públicas, todas e cada unha delas, velen pola igualdade laboral das mulleres nas súas contratacións de servizos”, indicou para explicar as propostas do BNG neste sentido, a comezar por blindar por lei que existan cláusulas sociais e de igualdade na contratación pública.
Pontón recordou que o Bloque xa conseguira en 2018 un acordo parlamentario para avanzar nesta dirección pero “o Goberno do PP non fixo absolutamente nada” e mesmo aprobou unha reforma da Lei de Igualdade onde “non inclúe ningún ámbito relacionado con estas cláusulas de igualdade”.
Por iso, avanzou que o BNG rexistrará nas próximas semanas unha proposición de lei galega para a inclusión de cláusulas sociais e de igualdade na contratación pública e no réxime de subvencións porque “o sector público ten moita capacidade para poder incidir de maneira directa nas condicións de vida de moitas mulleres e é importante que se utilicen estas fórmulas para ir eliminando situacións de discriminación ou de precariedade laboral, onde a Xunta é directa ou indirectamente responsable”, afondou.
A líder nacionalista propuxo tamén unha auditoría sobre a situación das mulleres nas contratacións públicas que estean sufragadas pola Xunta, co obxectivo de coñecer en que situación están traballando, con que salarios e se “se están realmente cumprindo tanto os convenios colectivos como a lexislación vixente”, comezando por aqueles sectores especialmente sensibles como o da limpeza, sector no que exemplificou a desigualdade laboral das mulleres a través do conflito rematado en Lugo logo de catro meses en folga das súas traballadoras, moitas delas en contratas da Xunta.
“Trátase de tomar medidas e de facer deste 8M non só unha data de reivindicación de todo o conseguido, senón sobre todo de que valoremos canto nos queda por avanzar”, reflexionou Pontón para avogar por “poñer o turbo” nas políticas de igualdade dada a persistencia das desigualdades e as discriminacións “polo simple feito de ser muller”. “Non é que vaiamos demasiado rápido, é que imos demasiado lentas á hora de conseguir a igualdade”, afirmou para advertir que a propia ONU estima en que tardaremos arredor de 300 anos en acadar a igualdade real.
Neste sentido, recordou que as mulleres seguen asumindo de maneira maioritaria os coidados e soportando a precariedade nos propios servizos públicos, protagonizando en 2022 o 87% das excedencias por coidados de fillos e fillas e o 73% das rexistradas por coidados de familiares. A isto sumou que as mulleres son maioría nos tramos máis baixos de renda no mercado laboral, cun 40,2% que non chega nin ao Salario Mínimo Interprofesional, e cunha fenda salarial que supera os 4.500 euros anuais en 2022, unha décima máis que o ano anterior.
Orgullo da loita feminista
Diante da evidencia dos datos, a portavoz nacionalista avogou por “non conformarnos coa realidade actual” porque “non é que chegaramos demasiado lonxe, é que aínda non somos iguais”, advertiu para reivindicar o “orgullo” do feminismo fronte a todos os discursos “da dereita e da estrema dereita que nos queren levar atrás”.
Nesta liña, sinalou ao PP como “precursor” en Galiza “de moitas desas políticas de retrocesos en dereitos e liberdades das mulleres”, con medidas como a supresión do Servizo Galego de Igualdade e a redución dos puntos de información ás mulleres, a recuperación dos concertos con centros educativos que segregan por sexo, a redución das axudas ás vítimas da violencia machista ou co seu voto en contra no Parlamento galego á creación de xulgados específicos de violencia de xénero.
“Este é o compromiso que ten o Partido Popular en Galiza coas políticas de igualdade”, denunciou, para concluír a continuación que se non foi máis alá foi grazas ao “movemento feminista que plantou cara a estes recortes e que fixo que en moitos ámbitos non se atreveran a ir máis alá”.
Nin conformarse, nin resignarse: seguir avanzando con máis pasos adiante
Nunha presentación na que tamén participou unha representación das deputadas electas do BNG e a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, a responsable de Acción Feminista, Noa Presas, fixo un chamamento á mobilización neste 8M para seguir demandando avances en materia de políticas feministas. “Con esta campaña reivindicamos a necesidade de non conformarse, queremos máis, queremos para todas, todo, e querémolo xa”, resumiu.
Pola súa banda, Sanmartín instou a seguir coas “lentes violeta” para comprobar como a realidade do día a día confirma o mantemento das discriminacións das mulleres no ámbito laboral, económico, sanitario, educativo ou no da conciliación. En definitiva, “sermos conscientes das desigualdades que continúan existindo a día de hoxe”, polo que defendeu a posta en marcha de políticas valentes e ousadas e “non resignarnos” con que non haxa pasos atrás, senón a continuar avanzando para que haxa “moitos pasos adiante”, concluíu.