Ana Pontón propón unha axenda de enerxías renovables para poñer en marcha un novo modelo enerxético ao servizo de Galiza
Nova planificación integral do mix, retornar os beneficios da produción á sociedade, democratización e innovación, principais eixos de actuación
Entre as doce medidas propostas: tarifa eléctrica galega, empresa pública de enerxía e un polo de innovación e experimentación en enerxía
A portavoz nacional avanza que o BNG levará a proposta ao Parlamento coa “man tendida para chegar a un gran acordo de País”
A portavoz nacional, Ana Pontón, presentou a axenda galega de enerxías renovables, a proposta do goberno alternativo do BNG para impulsar un novo modelo enerxético que “poña a enerxía ao servizo da sociedade galega e non dos lobbies eléctricos como está facendo o Partido Popular” e que levará ao Parlamento “coa man tendida para chegar a un gran acordo de País” no ámbito enerxético.
A axenda deseñada polo Bloque aborda un dos debates máis importantes que Galiza ten por diante como é o enerxético e baixo a premisa de que o País xogue un novo rol no que o seu papel de produtor e líder en renovables reverta no conxunto da sociedade e serva tamén para avanzar en innovación e tecnoloxía, ámbitos clave para o futuro.
Así pois, “mentres o PP segue inmerso na crispación e no ruído”, apuntou Pontón, o BNG está traballando en propostas que permitan posicionar Galiza ante os retos enerxéticos e climáticos do futuro cunha axenda galega de renovables articulada sobre catro eixos fundamentais: ordenar e planificar para acertar, cunha nova planificación enerxética integral de todo o mix enerxético; retornar os beneficios da produción á sociedade galega; democratizar a enerxía e innovar ao servizo do País.
Dentro do primeiro gran eixo de actuación, a líder nacionalista apostou por desenvolver un mapa de ordenación enerxética onde se planifique que tecnoloxías precisa Galiza e onde e como se teñen que instalar, sometendo esta planificación a unha avaliación ambiental estratéxica “que mida no seu conxunto todas as instalacións que se van poñer en marcha”, afondou.
De igual xeito, o BNG aposta por reclamar a transferencia das competencias para as instalacións renovables de máis de 50 MW e, dada “a súa especificidade e polo aluvión de sentenzas xudiciais e a crise do sector”, por impulsar dende o consenso un novo modelo eólico que, segundo recalcou, “substitúa o actual marco legal por un novo que faga compatible o seu desenvolvemento coa participación social e co respecto medioambiental”.
No segundo gran ámbito de actuación, o retorno dos beneficios da produción á sociedade, Pontón defendeu a posta en marcha dunha tarifa eléctrica galega para que o papel produtor de Galiza reverta no desenvolvemento económico do país e beneficie tanto a familias como a empresas, “en compensación polos custes que temos como produtores e como xa pasa en países do entorno europeo”, engadiu.
Ademais, o Bloque avoga por vincular a expansión renovable ao desenvolvemento de plans económicos e industriais que, segundo aclarou, “serán necesarios para aprobar novas instalacións”, e por declarar a enerxía eólica ben público e cun límite temporal, tal e como sucede coas concesións hidráulicas.
Neste sentido, recordou que Galiza é líder en produción renovábel, segundo os datos de Red Eléctrica ao peche de 2023, e exporta case o 45% da electricidade xerada, da que a maior parte xa foi de orixe renovable.
En canto á democratización da enerxía, terceiro gran eixo de actuación, a portavoz nacional volveu defender a proposta nacionalista para crear unha empresa pública de enerxía, a posta en marcha dun plan de impulso ao autoconsumo eléctrico, á xeración distribuída e ás comunidades enerxéticas e, por último, dun plan de colaboración específico tamén cos concellos, para axudalos na eficiencia e o aforro da enerxía e no uso das enerxías renovables e na creación de comunidades enerxéticas.
Pontón considerou fundamental a necesidade de apostar pola innovación enerxética ao servizo do país, o último gran eixo de actuación. “Galiza tamén ten que ser líder en tecnoloxía e innovación nas renovables”, incidiu para poñer de manifesto un dato que evidencia moitas das eficiencias que temos na actualidade: mentres Galiza ten instalados 3.800 MW que xeran 2.000 empregos, Euskadi ten instalados 160 MW que xeran 15.000 empregos, sobre todo no ámbito da innovación.
Diante desta realidade, o BNG propón a creación dun polo de innovación e experimentación en enerxía que aglutine universidades, centros de investigación e tecnolóxicos, INEGA e tecido empresarial e clusters, que permita coordinar os esforzos no ámbito do desenvolvemento tecnolóxico e a innovación en materia de enerxías renovables. “Este é un polo clave para abordar transversalmente cuestións como a dixitalización e redes intelixentes ou a investigación en sistemas urbanos eficientes de calefacción e refrixeración”, explicou.
De igual xeito, defendeu a creación dun centro para a competitividade e I+D+i en almacenamento de enerxía, que estaría situado nas Pontes, “porque Galiza non pode quedar atrás nun ámbito no que xa están avanzando outros territorios” e que considerou o gran reto para a transición enerxética do século XXI.
Por último, o Bloque tamén propón estender a innovación ao ámbito das comunidades, dado que as novas ferramentas tecnolóxicas de apoio á xestión enerxética poden axudar a desactivar as barreiras de xestión do sistema enerxético actual e permitir o desenvolvemento das comunidades enerxéticas para que Galiza sexa un referente na materia, “non só no ámbito rural, senón tamén no urbano e no industrial”, engadiu.
Medidas todas elas para configurar un novo modelo enerxético “que non repita os erros do pasado” e para “deixar atrás a dinámica de inercia e automatismo dun PP ao servizo das eléctricas” apostando por “converter a enerxía nun vector que xere riqueza e benestar”, concluíu Pontón.