Ana Pontón proclama que Xoán Carlos Gónzalez será o alcalde que abra un tempo novo en Redondela para darlle un futuro mellor
“O BNG ten un modelo municipal de éxito que aporta dinamismo social, económico e cultural e iso é o que queremos para este concello”, destaca
A líder nacionalista insta a “ir a por todas e coa man tendida”, convencida de que o Bloque será a forza política que máis medre nas eleccións locais
A portavoz nacional, Ana Pontón, participou na presentación da candidatura do BNG en Redondela que encabeza Xoán Carlos González Campo, quen destacou a súa tenacidade na defensa dos intereses da veciñanza dun concello que coñece “como a palma da man”. A líder do BNG proclamou que será o alcalde que abra un tempo novo de futuro en Redondela liderando o goberno municipal tras as eleccións municipais do 28 de maio.
“Redondela ten todo o potencial para ser un concello de referencia na comarca e en Galiza, só lle falta liderado político e proxecto de futuro, un proxecto con rumbo e con ideas claras, con alternativas e con propostas para que avance, progrese, mellore”, recalcou, “o BNG ten ese proxecto de futuro e temos tamén a persoa con capacidade e liderado para levalo a cabo: o noso candidato e próximo alcalde de Redondela”.
A líder do Bloque subliñou a capacidade de traballo e a constancia de González, “na defensa dos intereses do concello, porque ten a tenacidade que lle da o seu amor por Redondela, pola súa xente, un concello que coñece como poucos e sabe que é posible unha Redondela mellor”.
Como aval da capacidade do Bloque, a líder nacionalista puxo como exemplo o modelo municipal de éxito que desenvolve nos concellos que goberna. “Digo co máximo orgullo: os gobernos municipais do BNG son gobernos de calidade, que funcionan, son gobernos solventes, que saben xestionar con eficacia cada euro, son gobernos con capacidade de transformar en positivo e de mellorar a vida das persoas, son gobernos que dan aos concellos dinamismo económico, dinamismo social, dinamismo cultural”, recalcou.
A modo de exemplo Pontón citou Pontevedra, un municipio que antes do liderado nacionalista estaba en decadencia e que hoxe é un referente.
“O mesmo queremos facer en Redondela: abrir un tempo novo con Xoán Carlos Gómez como alcalde, porque estou segura que imos ter un resultado histórico nas eleccións do 28 de maio, porque estou segura que hoxe son maioría os veciños e as veciñas que queren abrir un tempo novo, de futuro, de ilusión e de esperanza, man a man co BNG, para construír unha Redondela mellor”, destacou, “e sei que tanto Xoán Carlos como todo o equipo que integrades a candidatura ides saír a por todas, coa máxima ambición e sen poñervos límites para darlle un proxecto de futuro a este concello”.
Contexto de crise
A líder nacionalista tamén fixo referencia ao contexto de crise no que se celebra a campaña electoral, cun Goberno do PP insensible aos problemas da xente, instalado na rutina, incapaz de tomar nin unha soa medida relevante para sacar Galiza adiante. “Tan, tan insensible e tan desconectado da realidade que nin sabe cales son os problemas reais da xente, e aí temos ao señor Rueda dicindo sen poñerse colorado que durante catorce anos de goberno deixaron de lado a construción de vivenda protexida porque non sabía que o acceso á vivenda era un problema para a cidadanía”.
Por iso, o BNG vai seguir presentando alternativas viábeis para unha saída galega e xusta da crise. Empezando pola defensa da sanidade pública tras catorce anos de recortes, aportando un modelo de atención primaria alternativo, que inclúa máis financiamento, persoal suficiente e novos servizos sanitarios nos centros de saúde.
Espolio eólico
Tamén fronte ao espolio eólico que promove o PP para que as eléctricas se sigan forrando, o BNG defende a tarifa eléctrica galega para abaratar a factura da luz ás familias e ás empresas, “que para algo estamos nun país rico en electricidade”. E, recalcou, está a favor da transición enerxética, pero xusta e democrática, non unha “barra libre para o espolio tanto na terra como no mar” que apadriña tanto o PP como o PSOE.
Igualmente, explicou as propostas ante a subida do xuros, tendo en conta que 175.000 familias teñen unha hipoteca. “O BNG ten propostas, un plan de rescate hipotecario pagado pola banca para axudar as familias hipotecadas con menos ingresos, porque tras poñer 90.000 M€ para rescatar aos bancos agora tócalle ás familias.
“Temos alternativas para este País, así que moito ánimo, moito traballo, moita humildade, pero tamén moito orgullo e a por todas, porque é desde os concellos que empezamos a construír esa Galiza é grande que queremos e que nos merecemos”, concluíu.