Ana Pontón proclama que avanzar competencias e lograr un grupo galego forte son claves para defender os intereses de Galiza
Fronte a un PP “submiso” ao centralismo, o BNG presenta unha axenda ambiciosa para superar a seca de catorce anos sen novas transferencias
Ofensiva política para lograr todas as transferencias pendentes, un novo modelo de financiamento e dotar Galiza dun status político de nación
O BNG celebrou no emblemático espazo de Santo Domingo de Bonaval en Santiago un acto simbólico de conmemoración do aniversario do Estatuto do 36, efeméride que aproveitou para reivindicar a urxencia de avanzar en autogoberno, despois de catorce anos de seca en materia de transferencias por un Goberno do PP incapaz de conseguir unha nova competencia para Galiza.
Unha seca que está facendo que Galiza quede atrás. “As cero competencias son o triste balance dunha etapa de incompetencia e de submisión dun Goberno do PP que nos deixa unha Galiza peor que a que encontrou”, criticou a portavoz nacional, Ana Pontón, un Partido Popular incapaz sequera “de pelexar polo pleno desenvolvemento do limitado Estatuto actual”, denunciou. Por contra, o que si avanzou foi o centralismo que tivo no Goberno do PP un fiel aliado, malia que vai en contra dos intereses deste País.
E fronte a un centralismo que converteu Madrid nunha gran aspiradora de recursos, riqueza, poboación e poder económico e político, Galiza perde, alertou.
“Debemos mudar esta situación para que Galiza gañe e para iso é clave facernos valer como País, desde o orgullo do noso e desde a convicción de que para avanzar necesitamos ter cada vez máis decisións en mans dos galegos e das galegas, porque cando outros deciden por nós, normalmente deciden contra nós”, argumentou Pontón. E precisamente para facer valer Galiza, o BNG propón dous obxectivos: lograr un grupo galego forte en Madrid e conseguir todas as competencias pendentes.
Neste sentido, Pontón subliñou a importancia das eleccións do 23 de xullo tendo en conta que “máis BNG é sinónimo de máis peso político de Galiza no Estado”, unha cita coas urnas que é unha oportunidade para conseguir no Congreso máis forza para defender os intereses deste País, “por iso este 23X é o momento de abrazar con toda a ilusión o reto político de lograr un grupo galego forte en Madrid e imos traballar arreo para conseguilo”.
Na súa intervención, a portavoz nacional recalcou que o BNG quere usar o voto dos galegos e galegas “como unha ferramenta para acabar co trato de segunda que nos dan desde Madrid”, recalcou, “para defender que o vento de Galiza se poña a disposición da sociedade galega, para defender inversións xustas, para defender a modernización do noso ferrocarril, para defender as nosas rías, en definitiva para facernos valer, deixando claro que non reclamamos privilexios, senón xustiza e dignidade para Galiza”.
A segunda liña de actuación para ganar peso político é conseguir todas as competencias pendentes sabendo que máis autogoberno é sinónimo de desenvolvemento económico, calidade de vida e benestar social; impulsando unha axenda ambiciosa “para construír Galiza en grande e situala na vangarda das nacións máis prósperas e xustas”.
Ofensiva para ganar competencias
Unha axenda, explicou, en tres niveis complementarios. En primeiro lugar, con carácter inmediato, iniciar a negociación e a transferencia efectiva de todas as competencias previstas no actual Estatuto. En segundo lugar, activar unha ponencia no parlamento para dotar a Galiza dun novo status político “que nos recoñeza como o que somos, unha nación”, indicou Pontón, de tal xeito que as decisións relevantes estean nas mans do pobo galego.
Hai que dar resposta ás demandas da mocidade, do feminismo, da diversidade, da emerxencia ambiental, da innovación, da transformación tecnolóxica e dixital; do dereito ao uso pleno e normal da lingua propia; do coidado das persoas maiores, da blindaxe dos servizos públicos; do pluralismo e independencia dos medios públicos ou da solidariedade ou da xeración e reparto xusto da riqueza. E para facer todo isto posible é necesario un novo marco político, argumentou a líder do Bloque.
O terceiro punto da axenda pasa pola negociación dun novo modelo de financiamento, un sistema de concerto para ter a chave dos nosos cartos, porque sen autonomía financeira non hai autonomía política, alegou Pontón. Un sistema cunha facenda galega que recade o cen por cen dos recursos, como xa se recollía no Estatuto do 36.
“Precisamos novas ferramentas para darlle solucións e futuro á Galiza do século XXI e sabendo que nun mundo en constante transformación, con grandes incertezas e riscos, quedar parados polo inmobilismo ou polo medo é retroceder”, alegou a portavoz nacional, destacando que ese País “precisamos escribir o seu propio camiño, libres de imitacións e de tutelas”, concluíu.