Ana Pontón presenta a Xosé Penas como un candidato preparado para gobernar e disposto a abrir un tempo novo en Brión
A portavoz nacional, Ana Pontón, participou na presentación do candidato á Alcaldía de Brión, Xosé Penas, “que ten demostrado rigor e capacidade de traballo a favor da veciñanza, que ten demostrado o seu compromiso na defensa dos intereses do concello, con experiencia política e de xestión e con propostas para que Brión avance. En definitiva, un candidato preparado para gobernar”, destacou.
A líder nacionalista destacou na súa intervención que Brión “precisa coller un novo impulso apostar por facer algo diferente confiando no proxecto político do BNG da man de Xosé Penas, “unha persoa cercana, que sabe escoitar, humilde no trato pero coa máxima ambición cando se trata de defender os intereses de Brión. E por iso ten tamén a máxima ambición para darlle un novo rumbo a este concello, para aproveitar e desenvolver todo o seu potencial”, subliñou.
“É hora de abrir un tempo novo en Brión e no BNG temos á persoa para liderar ese tempo novo e temos o proxecto para facelo, un modelo municipal de éxito, que funciona, como xa demostramos cada día alí onde gobernamos”, explicou a portavoz nacional do Bloque.
“Digo con humildade pero tamén co máximo orgullo: os gobernos municipais do BNG son gobernos de calidade, solventes, que saben xestionar con eficacia cada euro, gobernos con capacidade de transformar en positivo e de mellorar a vida das persoas, gobernos que dan aos concellos dinamismo económico, dinamismo social, dinamismo cultural”, sintetizou. “Todo isto é o que estamos facendo nos concellos que lideramos e é o que queremos facer tamén en Brión a partir do 28 de maio”.
Con ese obxectivo, Pontón animou a toda á militancia “a saír a por todas” nas eleccións municipais, “sen poñerse límites, explicándolle a cada veciño e a cada veciña o proxecto do BNG, con ese aval podemos presentarnos ante á cidadanía coa máxima ambición para construír unha Galiza mellor e con futuro, unha Galiza en grande concello a concello”.
Pontón destacou durante a súa intervención que o BNG será a forza política que máis suba o 28M aumentando a súa representación con máis alcaldías, máis concelleiros e máis concelleiras, afianzando un cambio de ciclo que se iniciou nas pasadas eleccións galegas, cando a cidadanía depositou no Bloque a responsabilidade de liderar a alternativa ao PP.
A líder nacionalista fixo referencia ao contexto de crise no que se celebra a precampaña electoral, cun Goberno do PP “insensible aos problemas da xente, instalado na rutina, incapaz de tomar nin unha soa medida relevante para sacar Galiza adiante”. Por iso, o BNG vai seguir presentando alternativas viábeis para unha saída galega e xusta da crise.
Empezando pola defensa da sanidade pública tras catorce anos de recortes, aportando un modelo de atención primaria alternativo, que inclúa máis financiamento, persoal suficiente e novos servizos sanitarios nos centros de saúde.
Espolio eólico
Tamén fronte ao espolio eólico que promove o PP, o BNG defende a tarifa eléctrica galega para abaratar a factura da luz ás familias e ás empresas, “que para algo estamos nun país rico en electricidade”. E por senón fose suficiente a barra libre en terra, agora o Goberno central ven de aprobar un plan que supón tamén o espolio eólico no mar. “Non imos permitir que Galiza se converta nunha colonia enerxética de Madrid, a riqueza eólica do País ten que poñerse ao servizo do País”, indicou.