Ana Pontón presenta a Sofía García como “a candidata capaz de facer que O Carballiño avance abrindo un tempo novo”
O BNG propón revitalizar o sector turístico, favorecer o comercio local, unha xestión sustentable dos residuos e servizos públicos de calidade
“É o momento de construír un Carballiño con máis futuro, emprego, igualdade e benestar para vivir e para traballar”, indicou Sofía García
A portavoz nacional, Ana Pontón, asistiu á presentación de Sofía García Hermida como candidata do BNG á Alcaldía do Carballiño á que definiu como “unha muller comprometida co seu concello, con ideas, con propostas e coa capacidade para facer do Carballiño unha vila mellor, para conseguir que avance e que progrese, que mire ao futuro con ilusión e con optimismo”.
A líder do Bloque subliñou que “Carballiño ten que deixar de retroceder” e que “para conseguilo non pode continuar coas vellas fórmulas fracasadas de sempre, porque a vila merece máis”. Fronte a isto, o BNG propón trasladar o seu modelo municipal a todas as cidades e municipios de Galiza por ser “modelos municipais de éxito”. Pontón puxo de exemplo Allariz e Pontevedra, entre tantos outros concellos convertidos hoxe en día en referentes fóra do País.
A portavoz do BNG destacou que Carballiño merece aproveitar todo o seu potencial, ser un concello de referencia, ter dinamismo económico, xerar riqueza e emprego, oportunidades para a xente moza, servizos públicos de calidade e ser un concello que coloque ás persoas no centro.
“No BNG sabemos como facelo posible porque temos un modelo municipal de éxito, que funciona, como demostramos alí onde gobernamos, transformando en positivo, revitalizando o comercio e o tecido económico local, xestionando con eficacia cada euro, mellorando a vida das persoas” destacou Pontón.
“O BNG ten un proxecto de goberno, ten equipo e ten a candidata para darlle ao Carballiño o impulso que precisa” indicou a portavoz do BNG, lembrando que “a propia Sofía xa o demostrou ao longo destes catro anos facendo unha oposición con máis propostas e ideas a favor da veciñanza que o todo o Goberno local”.
O proxecto do BNG para O Carballiño
O BNG, baixo o liderado de Sofía García, presenta para o Carballiño un proxecto de goberno transparente na xestión, de portas abertas á participación cidadá. Con ideas para revitalizar o sector turístico, empezando por ese gran valor que é o termalismo, cun balneario que debe ser modernizado e ampliado.
O Bloque tamén porá no centro o comercio e o tecido empresarial local; a construción dun Concello en verde, que aposte por unha xestión sustentable dos residuos; e tamén un proxecto de goberno que aposte por servizos públicos de calidade, ao lado da veciñanza.
Pontón amosouse convencida de que “tanto Sofía como todo o seu equipo van saír a por todas, sen poñerse límites, para conseguir un resultado histórico e abrir un tempo novo neste concello a partir de maio”.
“Sei que a maioría dos veciños e das veciñas queren ese outro Carballiño posible, con dinamismo económico, social e cultural, un concello vivo e con oportunidades, e sei que van confiar no BNG para facelo posible”, declarou, para concluír amosando a súa convicción de que “o 28M imos ser a forza política que máis suba, aumentando a nosa representación con máis alcaldías, máis concelleiros e máis concelleiras porque é posible construír unha Galiza con futuro, empezando polo máis próximo, concello a concello”.
Sofía García Hermida: “o noso Goberno porá ás persoas no centro das políticas”
A candidata do BNG á Alcaldía do Carballiño confesou asumir este reto con ilusión e responsabilidade, sabendo que “a vila precisa abrir un tempo novo marcado polo compromiso, o rigor e a honestidade do equipo do Bloque”. “Estamos en todas as loitas”, subliñou, “defendendo a sanidade, defendendo a educación, defendendo a cultura e a lingua, defendendo os nosos sectores produtivos e defendendo a igualdade real”.
García explicou como as políticas de benestar social públicas e de calidade son unha prioridade no seu modelo para O Carballiño, do que farán “un concello que poña ás persoas no centro das políticas”. Alertou tamén da necesidade de poñer en marcha programas de fomento de hábitos saudables, de amosar compromiso real pola igualdade, de defender a conciliación familiar e de atender á mocidade.
“Precisamos un Carballiño máis participativo, un concello aberto á xente que promova a participación activa da veciñanza na vida municipal. En definitiva, é o momento de construír un Carballiño con máis futuro, máis emprego, máis igualdade e máis benestar para vivir e para traballar”, concluíu.