Ana Pontón presenta a Rubén Arroxo como o líder que Lugo necesita para darlle un novo impulso á cidade
O candidato prioriza a recuperación do casco vello, a modernización do transporte urbano e máis peatonalización para conseguir un Lugo “do que sentir orgullo”
Ofrece ao BNG como alternativa a un goberno paralizado, a un PP sen ambición e aos que prometían cambio pero trouxeron desilusión
A portavoz nacional, Ana Pontón, animou á veciñanza de Lugo “a ir a por todas” para darlle un novo impulso á cidade que agora está “paralizada e sen rumbo”, apostando por un BNG que ten un proxecto e un liderado claro.
“Somos o motor que precisa Lugo para poñer en marcha todo o seu potencial, temos experiencia, temos unha equipa cualificada e temos un líder capaz de poñer en marcha o cambio transformador que precisa esta cidade, un candidato novo, preparado que quere a esta cidade”, proclamou a dirixente nacionalista na presentación da candidatura do Bloque en Lugo ás eleccións municipais do 26M.
Por iso, alegou, “convidamos a todos os veciños e veciñas a non caer na resignación, a confiar que se poden facer as cousas mellor, que hai un novo proxecto de cidade esperando para poñerse en marcha que aposta polas persoas, por servizos de calidade, por un Lugo feminista e en galego, por un Lugo que mira cara o futuro. Esa é alternativa do BNG e a iso vos convidamos”.
Pontón destacou que o Bloque é unha forza política “unida e cohesionada” que pensa no importante: “Como darlle solución aos problemas que teñen as persoas no seu día a día. E podemos facelo o 28 de Abril apostando polo BNG para devolverlle voz propia a Galiza no Congreso cunha candidatura sen ataduras e o 26 de Maio apostando por Rubén Arroxo á Alcaldía”, reclamou.
Pola súa parte, o candidato Rubén Arroxo comprométese a facer de Lugo “un lugar do que sentir orgullo de vivir”, algo que non vai conseguir “nin o actual goberno local, nin o enviado de Feixóo que non quere ser alcalde, nin aqueles que tanto prometían e que foron desilusionando polo camiño”.
Darlle a Lugo unhas infraestruturas ferroviarias e viarias propias do século XXI é outra das prioridades destacada polo candidato.
Infraestruturas do século XXI
“Hai cen anos as Irmandades de Fala organizaban a súa reunión en Lugo porque a consideraban a mellor comunicada de Galiza, pero hoxe somos a única cidade que vai quedar fora da modernización das infraestruturas e o único que nos traen PP e PSOE é o debate absurdo sobre a intermodal”, criticou. Desde o Goberno municipal, o Bloque “esixirá que Lugo estea no mapa dunhas infraestruturas modernas e para iso precisamos un ferrocarril do século XXI e que se rematen as autovías”.
Arroxo tamén aposta por sacarlle partido ao “privilexio” de ter 40 quilómetros de sendeiros arredor de couces fluviais apostando por comunicalos coa cidade, “o que non se consigue coa proposta dunha pasarela que apenas aportaría 200 metros máis”. O candidato propón aproveitar o orzamento que absorbería esa pasarela “para unir a parte baixa das costas do parque de Rosalía co parque de Marcos Cela e coa N-VI facendo de Lugo unha cidade unida a eses 40 quilómetros de sendas verdes”.