Ana Pontón presenta un programa de goberno para liderar o cambio e construír unha Galiza mellor
“Galiza merece un goberno que funcione, con ambición e orgullo, tras 14 anos dun PP triturando o presente e o futuro do País”, proclama
Resume en dez retos o proxecto do BNG: benestar social e servizos públicos, sectores produtivos, ciencia, emerxencia climática e modelo enerxético, infraestruturas, estratexia internacional, igualdade, lingua e cultura, autogoberno e defensa da democracia
Estamos ante o epílogo do PP que representa o pasado, fronte ao BNG que representa o futuro ao lado da maioría social que quere cambio, alega
A portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou o debate do estado da nación para poñer sobre a mesa os dous modelos de goberno entre os que pode optar Galiza: “O do PP, que deixa unha Galiza máis pequena; e o do BNG, preparado para construír unha Galiza en grande”, proclamou, tras destacar que este debate representaba “o punto final dun goberno falido, o epílogo dun Partido Popular que representa o pasado, fronte ao BNG que representa o futuro ao lado da maioría social que quere cambio”.
Destacar que ese cambio galego está en marcha e é imparable foi un dos principais argumentos da líder do Bloque, “o cambio que reclama a mocidade ante a falta de oportunidades, o que queren as persoas que defenden a sanidade pública, o que reclama un rural que se levanta en contra dos abusos das eléctricas, as mulleres cada 8M piden igualdade ou os científicos e científicas faltas de precariedade. É o cambio para gaña un País mellor”, sintetizou.
Pontón fixo balance dun goberno do PP “que leva 14 anos triturando o presente e o futuro de Galiza” e deixa un País peor que o que encontrou en todos os ámbitos, con menos servizos públicos, menos emprego, menos empresas, menos autogoberno, menos ciencia e que desprotexe o medio ambiente pese a ser a emerxencia climática un problema mundial.
“Para ganar ese País mellor hoxe quero falar de futuro, explicar o proxecto de goberno que o BNG ten para Galiza, un proxecto asentado en tres firmes piares: confianza, ambición e respecto; confianza no enorme potencial e na capacidade dun pobo honesto, traballador e con talento, capaz do mellor; ambición para poñernos na vangarda das nacións máis avanzadas e respecto, porque Galiza non imos permitir que a discriminación nos deixe atrás, non somos máis que ninguén, pero tampouco menos”, alegou.
O PP deixa unha Galiza peor pero o BNG ten un proxecto de goberno e está preparado para liderar a construción dun País mellor, un programa de futuro asentado en dez grandes retos estratéxicos: benestar social, servizos públicos, sectores produtivos, ciencia, emerxencia climática e modelo enerxético, infraestruturas, estratexia internacional, igualdade, lingua e cultura, autogoberno e defensa da democracia.
“Galiza merece un goberno que funcione, un goberno con ambición e orgullo do que somos, e quero ser a presidenta dese goberno para colocar a Galiza no lugar que lle corresponde: entre as nacións máis avanzadas do mundo e onde as persoas vivan mellor, porque estou convencida de que é posible unha Galiza mellor”, salientou.
A líder do Bloque dirixiuse expresamente á mocidade, para dicirlles que é posible unha Galiza na que podan cumprir os vosos soños, na que vivir e traballar; ás persoas maiores destacando que merecen unha Galiza na que desfrutar dunha vellez digna, tranquila, “no que o voso benestar estea por riba de calquera interese económico.”
Tamén se dirixiu ás científicas e científicos “para dicirlles que é posible unha Galiza que impulse a ciencia e a innovación, imprescindible para afrontar os grandes retos”, ás mulleres, para asegurar que é posible unha Galiza “capaz de romper teitos de cristal e despegarse de chans pegañentos porque o futuro será feminista ou non será”.
Pontón tivo palabras concretas para todas as persoas que cada día se esforzan no traballo, nos seus negocios, no rural, no mar, nas fábricas, “dicirlles que é posible unha Galiza que permitan unha vida digna”; e ás creadoras e creadores, para asegurarlles que é posible unha Galiza “que abrace o voso talento, que nos fai máis grande como País e máis felices como sociedade”.
“Quero ser a presidenta desta Galiza posible, coa man tendida, sabendo que todos e todas somos necesarias para construír a Galiza en grande que queremos e merecemos, esa Galiza está en marcha, imparable, grazas a esa maioría que quere cambio, que quere abrir un tempo novo, de esperanza e de futuro, para nós e para os nosos fillos e fillas”, concluíu.