Ana Pontón presenta a Patricia Castelao como a candidata que pode abrir un tempo novo en Teo para que o concello recupere o pulso
Compromete o “paso adiante” do BNG para que o municipio volva ser o referente que foi no seu momento dentro da comarca de Compostela
A portavoz nacional, Ana Pontón, participou na presentación de Patricia Castelao como candidata á Alcaldía de Teo nas vindeiras eleccións municipais, á que se referiu como “a candidata que pode abrir un tempo novo para que este concello recupere o pulso económico e social e o seu dinamismo e volva ser o referente que foi no seu momento dentro da comarca de Compostela”.
A líder nacionalista asegurou que Teo necesita dar “un paso adiante” -lema da candidatura encabezada por Castelao- que lle permita avanzar e reconectar coa veciñanza para converterse nun concello “con máis servizos, con máis calidade de vida e con máis futuro” e, neste sentido, considerou “imprescindible o liderado do BNG” nun goberno “cun proxecto capaz de poñer a Teo no lugar que lle corresponde e que se poña do lado da veciñanza e dos seus intereses, coa garantía de que sempre, sempre, vai estar na defensa do seu ben común, sen dubidar cal é o lado correcto”.
Neste sentido, recalcou que o BNG representa “a defensa da maioría social e dos servizos públicos” que, no caso deste concello pasa tamén pola defensa de novas infraestruturas en sanidade, pola instalación de proxectos empresariais, “pero non a costa da seguridade da veciñanza”, e por un transporte á altura do século XXI.
Logo de agradecer o labor desenvolvido nos últimos anos polas persoas que foron “as nosas caras” no grupo municipal, como Carme Diéguez, Manuel Barreiro ou Manuel Anxo Fernández, Pontón garantiu un “intenso traballo de interlocución directa” de Patricia Castelao e toda a asemblea local do BNG con todos os veciños e veciñas “para que Teo poida dar ese paso adiante, recuperar o pulso perdido e abrir un tempo novo de futuro no que sexa capaz de enfrontar os retos do aquí e o agora”.
Pola súa banda, Castelao comprometeu, “coa cabeza e o corazón centrados en Teo”, traballar cun equipo renovado “para que o próximo goberno municipal estea á altura do que o Concello de Teo merece”. “O BNG vai dar un paso adiante para rachar coa inestabilidade que vive o noso concello e para propiciar ese cambio político que necesita”, remarcou.
Tras a presentación, a líder do Bloque, acompañada da candidata e de militantes e simpatizantes de Teo, fixeron un percorrido pola feira cabalar, un dos eventos máis emblemáticos do concello, e desexou a toda a veciñanza que desfrutara dunha feira que figura entre as máis históricas e populares de Galiza.