Ana Pontón presenta a Paco Vilariño como un candidato con capacidade, experiencia e ideas claras para darlle futuro a Lalín nun momento de grandes retos e dificultades
A portavoz nacional, Ana Pontón, participou no acto de presentación de Francisco Vilariño como candidato á Alcaldía de Lalín, de quen destacou que coñece o concello como a palma da man e a súa capacidade, experiencia e ideas claras para darlle ao concello un futuro mellor nun contexto de crise.
“É para min un orgullo poder estar hoxe aquí, con todos e todas vós, na presentación de Paco Vilariño, unha persoa que sente un profundo orgullo por este concello, que coñece Lalín e as súa necesidades como poucos e que, ademais, forma parte dun proxecto ilusionante para darlle a esta vila o impulso que precisa nun contexto de grandes retos e dificultades”, destacou a líder do BNG.
Dificultades como a crise de prezos ou os recortes nos servizos públicos esenciais para a cidadanía, como a sanidade pública. “En Lalín sabedes moi ben destes recortes, porque aínda sigue pendente a vella demanda colectiva dunha ambulancia medicalizada, unha infraestrutura sanitaria básica, que pode marcar a diferencia e mesmo evitar situacións tráxicas, pero que o PP volveu vetar no Parlamento por enésima vez fai apenas dous meses”, denunciou.
Por contra, o BNG leva anos apoiando esa reclamación social e veciñal ante un PP que lle sigue dicindo non á veciñanza de Lalín, “que sigue instalado na súa prepotencia e na súa soberbia, un goberno do PP convertido nun perigo para a saúde dos galegos e das galegas, tras trece anos de recortes e privatizacións. Recortes que agora contan coa complicidade do Goberno local”, lamentou.
“Lalín precisa un goberno municipal liderado por unha forza política que non cale ante o Goberno da Xunta nin ante ninguén cando se trata de defender os intereses deste concello e dos seus veciños e veciñas”, recalcou a portavoz nacional, “que non cale nin sexa cómplice ante os recortes en servizos e ante os recortes en sanidade pública”.
Recortes que traen como consecuencia listas de espera en atención primaria ou que lle impón a Lalín un centro de saúde obsoleto, mentres leva máis de doce anos esperando por unha dotación sanitaria clave como o centro integral de saúde. Tamén no ámbito das infraestruturas, Lalín precisa un goberno coherente que non cale ante unha peaxe da AP-53 que é unha estafa, “e non vale acordarse de que é unha estafa só cando o PP está fora da Moncloa, porque iso non é defender á veciñanza, é oportunismo político”, alegou.
“Este concello precisa un proxecto de goberno capaz de aproveitar todo o enorme potencial, capaz de sacarlle o máximo partido ao seu tecido económico e produtivo”, recalcou Pontón, citando como exemplo o sector agrogandeiro “esencial” para Lalín e referente en Galiza, que precisa medidas de impulso e de apoio ao rural, incluíndo a dotación de servizos.
Igualmente, indicou, Lalín precisa un goberno que aporte solucións en materia de solo empresarial, “porque xerar riqueza é emprego é fundamental para reter á xente nova, porque se a mocidade ten que marchar por falta de oportunidades, o concello perderá dinamismo económico e social. Non é un lugar común: a xente moza é o futuro”.
Unha forza confiable a capaz
“E para dar resposta a todos estes retos, a mellor alternativa é a que representa o BNG da man de Paco Vilariño, porque o BNG é unha forza confiable, que ten proxecto de futuro e de progreso para Lalín, que coñece as necesidades do concello e sabe como activar todo o seu potencial. O BNG demostrou a súa capacidade de traballo a favor das persoas, a súa capacidade de xestión, a súa capacidade de transformar en positivo para mellorar a vida dos veciños e das veciñas de Lalín”, argumentou.
Por iso, a líder nacionalista amosouse convencida de que “foi maioría” a veciñanza que nestes catro anos “botou de menos ter no goberno local ao BNG, como forza motor de cambio, de avance, de futuro, que botou de menos a un BNG que ofrece propostas e solucións en positivo, a favor do concello e da súa veciñanza”.
Nese sentido, Pontón augurou que o BNG vai ter un gran resultado en Lalín: “Sei que ides saír a por todas, sen poñervos límites, coa confianza que da ter un proxecto sólido e as ideas claras para darlle a este concello un futuro mellor. Volveremos ser o motor de avance en Lalín o 28M”, proclamou.
Alternativa galega á crise
A líder do Bloque destacou que a campaña das municipais ten lugar nun contexto moi complexo, de alza de prezos que afecta a bens de primeira necesidade, prezos que soben máis en Galiza pese a ter salarios por debaixo da media e as segundas pensións máis baixas de todo o Estado. “E todo isto, fronte a un Goberno do PP insensible aos problemas da xente, instalado na rutina, sen proxecto e sen impulso político, incapaz de tomar nin unha soa medida relevante para sacar o País adiante”, indicou.
“Somos conscientes das dificultades e dos grandes desafíos mais, nunca como agora, tivemos tan claro que o noso País precisa un cambio de rumbo e estou segura de que neste 2023 imos dar importantes pasos adiante para conseguilo, porque o BNG ten unha alternativa de País e sabe gobernar, -subliñou-, e demostrámolo cada día desde os concellos que lideramos. Os gobernos municipais do BNG son gobernos de calidade, eficacia, solvencia e capacidade de transformación para mellorar a vida das persoas. E ese é o mellor aval co que podemos presentarnos ao reto das eleccións municipais de maio”, concluíu.