Ana Pontón presenta en Ourense un plan de choque de 700 M€ para axudar ás persoas e ás PEMES ante o aumento dos prezos
90 M€ para un fondo de rescate social, que inclúe subir as pensións máis baixas, 175 M€ para empresas e sectores produtivos, 325 M€ en obra pública e 35 M€ para os concellos
“Urxe tomar medidas para frear o empobrecemento da maioría social”, demanda a líder do BNG
Santiago de Compostela, 08 de xuño 2022.- A portavoz nacional, Ana Pontón, participou en Ourense nun acto público dentro da campaña que o BNG desenvolve por toda Galiza baixo o lema "Os prezos soben, os teus cartos baixan", que aproveitou para explicar as propostas da formación para paliar os efectos da espiral inflacionista, que sitúa o IPC ó borde dos dous díxitos, con cifras que non se recordaban nos últimos 40 anos.
Nun acto, no que tamén participou o portavoz municipal, Luís Seara, a líder do Bloque destacou que a peor crise de prezos en catro décadas “require medidas urxentes”, e por iso o BNG presenta “un plan de choque” para mobilizar 700 millóns de euros destinados a paliar os efectos dunha inflación descontrolada.
“Son as medidas que tomaría un goberno do BNG ante a subida de prezos que está afogando ás familias, á clase traballadora e ás empresas”, salientou a portavoz nacional, en contraposición á parálise dun goberno do PP que non ten alternativas ante o impacto da escalada de prezos, máis aló da receita fracasada de baixar impostos á quen máis ten e, dese xeito, seguir debilitando o sector público que se financia, precisamente, vía fiscal.
Pontón detallou as principais propostas dese plan de choque, que inclúe un fondo de recaste social por importe de 90 millóns de euros para axudar ós colectivos máis desfavorecidos con medidas como incrementar o complemento autonómico das pensións non contributivas, as de menor contía; mellorar a prestación da RISGA e facer que sexa compatible coa percepción do ingreso mínimo vital; así como incrementar as axudas para sufragar os gastos básicos de vivenda para as rendas máis baixas.
A segunda gran liña de actuación é un fondo de rescate económico dotado con 175 M€ destinado ós sectores produtivos e ás PEMES, con medidas como un programa para incentivar o consumo no comercio local e hostalería, e 40 M€ para o sector primario, tanto agrogandeiro como pesqueiro, en ambos casos moi afectados nos custes de produción polo incremento de prezos dos combustibles e da enerxía.
O plan de choque inclúe como terceira medida un plan de investimentos extraordinario en obra pública, centrado en vivenda, transición enerxética e transición dixital, capaz de mobilizar 325 millóns de euros. En cuarto lugar, un fondo de apoio ós concellos de 35 M€ para compensar a subida da factura da luz e dos carburantes, así como para cubrir a revisión de prezos nos contratos de obra da administración local, que afectan sobre todo á pequena empresa con implantación local.
Por último, o plan que formula o BNG inclúe un fondo de liquidez de 75 millóns de euros para facilitar liñas de financiamento e avais ás pequenas e medianas empresas. A líder nacionalista tamén avanzou que xunto con estas medidas de urxencia, o Bloque está traballando en medidas a medio e longo prazo de carácter estrutural en aras de modernizar e transformar Galiza, en base a cinco áreas estratéxicas.
Área financeira, coa creación dun instituto de crédito e investimento; área enerxética coa creación dunha empresa pública de enerxía e unha tarifa eléctrica galega; área de reactivación industrial, para reverter o proceso de desertización na industria da última década e área de reactivación do sector primario, para avanzar na soberanía alimentaria, na produción de alimentos de calidade e na recuperación do medio rural.
“O que non podemos é ter un goberno do PP cruzado de brazos, o que urxe é tomar medidas para frear o empobrecemento da maioría social”, concluíu a líder nacionalista