Ana Pontón presenta a Olaia Ledo como a candidata capaz de darlle a Narón un futuro mellor e máis calidade de vida á veciñanza
Olaia Ledo, convencida de que o BNG vai ter un resultado histórico o 28M, tras catro anos de traballo con propostas en positivo a favor de Narón
Servizos públicos, infraestruturas e apostar polo tecido económico local, entre as prioridades coas que o BNG se presenta como alternativa o 28M
En Narón, como no conxunto de Galiza, imos a por todas e sen poñernos límite porque esta País precisa un cambio, proclama a líder do BNG
A portavoz nacional, Ana Pontón, participou na presentación da candidata do BNG á Alcaldía de Narón, Olaia Ledo, da que destacou o seu firme compromiso na defenda dos intereses do concello, en particular no que se refire a servizos públicos e infraestruturas, cuxas carencias no municipio son notables, pese a tratarse do oitavo concello por poboación de toda Galiza.
“Olaia Ledo coñece ben este concello, quere a este concello e ten no seu haber un intenso traballo en defensa dos intereses da veciñanza, sempre coa man tendida, sempre dialogante, sempre combativa cando se trata de loitar por mellorar a vida dos veciños e das veciñas de Narón”, destacou na súa intervención.
E precisamente a ese obxectivo de darlle maior dinamismo económico e social ao concello responden as prioridades que defende a candidata do Bloque nos comicios municipais do 28M.
“Cando Olaia reclama que Narón teña unha residencia pública é porque defende o dereito a unha vellez digna das persoas maiores deste concello, fronte a un modelo do PP que fai negocio coa vellez; cando defende servizos públicos de calidade é porque quere un concello que prospere é ofreza calidade de vida: na sanidade, na atención a infancia, na dependencia, na educación”, explicou, “ou cando reclama investimentos nos centros educativos para o seu mantemento e actualización porque é o espazo no que se educa ós nenos e nenas e á mocidade”.
Pontón destacou tamén a defensa que a candidata fai do tecido económico local, do comercio de proximidade e das empresas asentadas no concello, moitas delas punteiras. “Porque dinamismo económico e sinónimo de dinamismo social e onde hai emprego de calidade hai oportunidades de prosperar e de avanzar”, recalcou.
A líder do Bloque puxo o foco igualmente noutra das prioridades da alternativa que defende a candidata á Alcaldía: ordenar e mellorar as infraestruturas de Narón. “Non é de recibo que un concello de case 40.000 habitantes soporte un servizo de tren obsoleto, sen liñas nin frecuencias suficientes para ser unha alternativa de transporte viable para a veciñanza”, indicou.
A proposta que Ledo defende para Narón, afondou Pontón, aposta ademais por un desenvolvemento integral do concello, tanto no centro urbano como das parroquias do rural, “que non poden seguir sendo discriminadas, nin poden quedar atrás”.
Servizos públicos de calidade, infraestruturas, promover o tecido económico local para xerar riqueza e emprego, mellorar as comunicacións, formaran parte das prioridades do BNG de cara a cita electoral do 28 de maio, sintetizou Pontón dáse nun momento de extrema dificultade para a maioría socia, impactada pola crise de prezos.
“Somos conscientes das dificultades e dos grandes desafíos mais, nunca como agora, tivemos tan claro que o noso País precisa un cambio de rumbo e estou segura de que neste 2023 imos dar importantes pasos adiante para conseguilo, porque o BNG ten unha alternativa de País e sabe gobernar e demostrámolo cada día desde os concellos que lideramos”, explicou Pontón.
Gobernos municipais BNG, exemplos de xestión e transformación
“Os gobernos municipais do BNG son gobernos de calidade, eficacia, solvencia e capacidade de transformación para mellorar a vida das persoas. E ese é o mellor aval con que podemos presentarnos ás eleccións de maio, unha cita electoral na que saímos a por todas, sen poñernos límites nin en Narón nin en ningún outro concello e, estou convencida, imos ser a forza política que máis suba con máis alcaldías, máis concelleiros e máis concelleiras”, concluíu.
Pola súa parte, a candidata a Alcaldía destacou o enorme potencial que ten Narón, incluíndo a positiva evolución demográfica, a capacidade para xerar emprego apostando por revitalizar os seus polígonos industriais, así como as grandes posibilidades que ofrece tamén o rural do municipio, “con capacidade para producir case de todo”, indicou.
Un goberno que escoite á veciñanza
“Nestes catro anos traballamos a favor dos servizos públicos, para crear benestar social, para que o concello funcionase, con propostas realistas e en positivo, para ter un concello ao servizo da veciñanza. Narón precisa un goberno que escoite con humildade e que sexa valente para levar os cambios que se precisan, para falar de Narón en todas as administracións, para incidir”, destacou a candidata nacionalista.
“Desde o BNG reclamamos plans directores en todos os barrios, integrar rural e urbano, un proxecto factíbel de transporte público, acordos con taxis para o transporte no rural, que o concello se implique para termos un 100% de fibra óptica e para que todas as veciñas e veciños teñan os mesmos dereitos con independencia de en que parte do concello residan”, recalcou Ledo, quen tamén destacou a importancia de poñer en valor o espazo público, como por exemplo creando sendas fluviais adaptadas.
En materia de igualdade e loita contra a violencia machista, a candidata propón un CIM no centro urbano, traballamos para evitar desafiuzamentos, por un Narón máis xusto e integrador para as persoas con distintas capacidades. Igualmente, o BNG representa unha alternativa que aposta pola cultura, polo deporte de base, que apoia e promove o tecido asociativo. “Queremos un concello con luz propia, un concello orgulloso do que é para vivir e para gozar”, concluíu Ledo, convencida de que o BNG vai ter un resultado histórico no concello de Narón.