Ana Pontón presenta un BNG renovado e unido disposto a liderar o cambio que o pobo galego reclama na rúa
Pide a Feixóo que explique @s pensionistas por que o PP tivo 65.000M€ para rescatar á banca, pero non ten cartos para subir as pensións, que en Galiza son as segundas máis baixas do Estado
O Consello Nancional aproba as bases dos programas municipais e destaca o “aval” dos concellos BNG, sinónimo de “marca de calidade” a favor da maioría
En contraste cun Feixóo en modo “presidente interino” que arrastra a Galiza “á irrelevancia política” cun alto custe en termos económicos e sociais, a portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou o Consello Nacional para poñer en valor un BNG “á alza”, renovado e unido, cun proxecto claro e capaz de darlle unha alternativa aos milleiros de galeg@s que están na rúa manifestando o seu fastío contra as políticas “crueis e centralistas” do PP.
Pontón convida a toda esa cidadanía “a traballar xuntos” para iniciar desde os concellos o cambio que Galiza necesita e que o Bloque está disposto a liderar.
“As rúas son o mellor termómetro do malestar social coa política cruel e centralista que encarna o PP. Nas rúas da Galiza estamos as persoas que queremos sanidade pública, xustiza sen discriminacións, pensións dignas e igualdade real. E desde o BNG convidamos a todas as persoas que están expresando ese malestar a que traballemos man a man e iniciemos nas eleccións municipais o cambio político que necesita Galiza e que un BNG unido e renovado está disposto a liderar”, proclamou Pontón.
Unha sociedade que reacciona ante a involución democrática e o recorte de dereitos, farta da prepotencia do PP. Neste sentido, reclamoulle ao presidente da Xunta respecto e que se sume as propostas para incrementar as prestacións.
“Pídolle a Feixóo que non lle falte ao respecto as mulleres e homes pensionistas, que deixe de escorrer o vulto dividindo e enfrontando, porque o que ten que explicarlles é por que o PP tivo 65.000M€ para rescatar a banca e non ten nin un euro para subir as pensións das galegas e dos galegos, que por certo son as segundas máis baixas do Estado”, indicou, tras avanzar que defenderá no vindeiro pleno unha proposta para subir as pensións máis baixas en 100€ mes, “perfectamente viable porque supón 40M€ dun orzamento de 9.000”.
Ante esa cidadanía Pontón presenta un BNG “unido, solvente e cun proxecto claro para mellorar a vida da veciñanza desde os concellos. Moi poucos poden dicir o mesmo”, subliñou, ao tempo que convidaba a toda a militancia a activarse neste 2018 clave de cara ás eleccións locais. “Somos unha forza en alza e iso vai notarse nas municipais, pero require que demos o mellor, activar toda a nosa base social e actuar con apertura ante as persoas que compartan a necesidade de defender Galiza e construír alternativas desde os concellos”.
Fortalezas
De cara a esa cita coas urnas, a formación nacionalista conta cunha “fortaleza” engadida: O aval dos gobernos municipais liderados polo BNG convertidos en sinónimo de “marca de calidade”, que destacan polas súas políticas transformadoras capaces de dar benestar social. “Os nosos gobernos municipais marcan a diferencia e deixan claro a importancia de ter un proxecto propio para Galiza e non un corta e pega deseñado e pensado desde Madrid”, salientou a dirixente nacionalista.
O Consello Nacional deu un paso máis na folla de ruta cara as municipais aprobando as bases para a elaboracións dos programas, que despois se concretará no programa marco e nos programas municipais. “Imos a por todas e estamos en forma, pero isto non significa que estea todo feito, ao contrario, hai que pórse as pilas desde xa, tanto na elaboración da nosa proposta programática, como nas candidatas e candidatos que serán a cara das nosas ideas”, recalcou.
Concellos con alternativas propias, centrados na realidade do país, que non malgasten os recursos públicos en obras megalómanas, onde a igualdade de xénero sexa transversal, - “para facer efectivo esa nunca máis ao machismo e á discriminación do 8M no que as galegas dimos unha lección á dereita azul e a laranxa”-, concellos con servizos públicos, con calidade urbana, concellos que defendan os principios democráticos máis avanzados.
“É un ano clave para enfrontar con éxito o reto das vindeiras eleccións municipais, traballemos con humildade, con autoesixencia, con espírito crítico e como non, cun sorriso nos beizos”, convidou Pontón pechando a súa intervención ante o Consello Nacional.