Ana Pontón presenta 10 propostas para rescatar Ferrol centradas na recuperación industrial, a transición enerxética e a rexeneración da ría
A Portavoz Nacional do BNG, Ana Pontón presentou en Ferrol 10 propostas centradas “na recuperación industrial, unha transición enerxética xusta e a rexeneración da ría”.
A portavoz nacionalista, acompañada do grupo parlamentario, avanzou que levará a todas as institución o “Decálogo por un novo Ferrol” que inclúe medidas para reforzar os servizos públicos e poñer en valor os recursos naturais e patrimoniais de Ferrol e a súa comarca.
Pontón afirmou que estamos ante un momento decisivo, de grandes cambios, transformacións e oportunidades e “hai que poñer a Ferrol no mapa”, e dende o BNG pensamos que Ferrol ten futuro se hai un “compromiso político real”.
A nacionalista remarcou o papel do sector naval con tradición, capacidade e persoal de alta cualificación, ao que sumou o potencial enerxético e un patrimonio cultural e natural de “enorme valor económico” e asegurou que Ferrol e a súa comarca contan con recursos e potencial para “poder poñerse en pé desta crise e mirar con optimismo o futuro”.
Para a portavoz nacionalista a “falta de compromiso político con Ferrolterra” explica que esta comarca nos últimos tempos vaia de crise en crise, cun declive demográfico, social e industrial palpable, e o continuo peche de empresas estratéxicas.
A portavoz nacionalista insistiu na urxencia de recuperar o sector naval apostando por un “complexo integral na ría de Ferrol para construír barcos civís, cadeas de reparacións” e unha fabrica de turbinas cara os proxectos de descarbonización. Endesa-As Pontes, Siemens-Gamesa en Somozas, a falta de carga de traballo en Navantia e a situación de colapso da ría de Ferrol son algúns exemplos da situación crítica que vive a comarca, e que a COVID non fixo máis que agravar impactando tamén nun tecido comercial, hostaleiro e turístico xa moi afectado polo declive demográfico e económico de Ferrolterra.
O que precisa Ferrolterra é “política industrial, proxectos empresariais, recuperar a ría como sector produtivo básico e completar infraestruturas, poñer en valor o patrimonio cultural e os valores naturais que son importantes para o futuro da comarca” pero sobre todo, explicou a líder do BNG, Ferrol precisa do “compromiso de todas as forzas políticas para sacar adiante un proxecto de futuro para esta comarca, compromiso político para defender o mesmo nos concellos, no Parlamento, no Congreso e ante a Unión Europea”.
De nada valerán fotos, nin máis mesas sociais, nin máis anuncios baleiros se despois falta compromiso político para sacar adiante as propostas, de nada valen senón se defende esta comarca ante o Goberno da Xunta e o Goberno do Estado. De nada valen os anuncios se dis unha cousa e a contraria en función de quen se sente na Moncloa. “O compromiso do BNG é dar a cara por esta comarca en todos os foros, en todas as institucións, goberne quen goberne, aquí e en Madrid”, enfatizou.
Decálogo por “UN NOVO FERROL”
Esta decálogo por un novo Ferrol, explicou, condensa propostas estratéxicas para sacar a Ferrol do pozo e iniciar unha nova etapa que aposte pola industria, por unha transición enerxética xusta, pola ría, por facer dos recursos naturais e do patrimonio cultural un elemento de cohesión e desenvolvemento social e por reforzar os servizos públicos.
“Trátase dun decálogo que imos defender en todas as institucións e que debe ser financiado con recursos económicos do estado, da Xunta e dos Fondos Next generation”.
O primeira proposta do noso decálogo “por un novo Ferrol”, explicou está dirixida a recuperar o sector naval apostando por un “Complexo integral da construción naval, con diversificación e recuperación de actividades”. Recuperación da construción civil, carenas e reparacións, introdución de turbinas garantindo a participación maioritaria de Navantia na eólica mariña con Fene como centro de referencia.
En relación a acadar unha transición enerxética xusta, Pontón avogou polo impulso e financiamento de proxectos industriais e a autorización de novos parques eólicos vinculada a proxectos industriais que xeren riqueza e emprego. Neste sentido, tamén defendeu constituír un centro de I+D+i, nas Pontes.
Recuperación da ría
Por outra banda, afirmou que a ría de Ferrol represente un claro exemplo da “falta de estratexia e compromiso político”. A situación actual da ría, explicou é de colapso absoluto e cunha produción que apenas supón un 10% da que existía hai dez anos. O decálogo do BNG inclúe constituír un mando único para a rexeneración da ria de Ferrol, para a coordinación de todas as administracións e iniciar de maneira urxente, un estudo integral da súa situación.
A recuperación e posta en valor do patrimonio arqueolóxico e histórico, un Cronograma para o uso público das antigas instalacións de defensa, o coidado do medio ambiente e espazos tan valiosos como, as Fragas do Eume, a conexión ferroviaria Ferrol- A Coruña, con inclusión da liña no Eixo Atlántico, mellora de infraestruturas materiais trazado no ancho métrico Ferrol-Ribadeo, incorporación do porto de Ferrol na rede básica europea de transporte, un plan de reforzo na Atención primaria e a dotación de prazas públicas nas residencias en Ferrol, Narón e As Pontes, forman parte das medidas recollidas no Decálogo “Por un novo Ferrol” presentado hoxe pola portavoz nacional do BNG, Ana Pontón.