Ana Pontón pregúntase se o Goberno de Sánchez ten un acordo cos Franco, “por activa ou por pasiva”, para evitar o recurso
BNG leva o debate ao Pleno do Parlamento porque non recorrer “é como darlle unha vitoria póstuma a Franco”, alega
Ve inaudito que nin o Estado nin a Xunta interpoñan recurso contra unha sentenza que branquea o Franquismo e repugna a calquera demócrata
A portavoz nacional, Ana Pontón, mantivo un encontro con responsables de Iniciativa Galega pola Memoria (IGM), Carlos Babío e Montse Fajardo, en relación á sentenza da Audiencia Provincial da Coruña que obriga a indemnizar aos Franco por ter que abandonar o Pazo de Meirás tras a súa ocupación ilegal durante 45 anos.
O BNG leva este asunto ao próximo Pleno do Parlamento a través dunha proposición non de lei reclamando, tanto ao Goberno de Sánchez como ao Goberno de Feixóo, que recorran unha sentenza “que é unha labazada aos milleiros de persoas que loitaron pola recuperación do pazo, que branquea o franquismo e que repugna a calquera demócrata”, denunciou Pontón.
Tal é así que a líder nacionalista considera inaudito a decisión do Executivo central de non presentar recurso, o que leva a líder do Bloque a preguntarse “se existe algún acordo, por activa ou por pasiva, entre o Goberno do Estado é os Franco”, que poida estar detrás dunha decisión incomprensible que supón un “agasallo fiscal” aos herdeiros do franquismo e que mesmo pode facilitarlles a recuperación do Pazo ante os tribunais.
“Doutro xeito non se entende que o Executivo que se declara máis progresista da historia renuncie a recorrer unha sentenza que atenta contra o sentido común, atenta contra a dignidade democrática e supón darlle ao ditador case que unha vitoria póstuma”, recalcou, por iso, “pedímoslle ao Goberno de Pedro Sánchez que rectifique e que recorra”.
Para a líder nacionalista é tamén incomprensible que o Goberno da Xunta se poña de perfil, “porque nos parece igual de ofensivo para a dignidade do pobo galego que Feixóo non mova un dedo ante unha sentenza que nos obriga a pagar dúas veces por un ben que foi roubado, que nos obriga a comungar con rodas de muíño e que nos repugna, cando o que debería facer é defender a dignidade deste País”.
Pontón recalcou a urxencia de actuar, porque o tempo corre en contra e ten como data límite para o recurso o 12 de marzo, apenas 9 días para facer o que é correcto desde todo punto de vista. Finalmente, a portavoz do Bloque tamén chama a atención sobre o feito de que non presentar recursos pode afectar negativamente ás posibilidades de recuperar outros bens roubados pero aínda en mans dos Franco, como as esculturas do Mestre Mateo ou a Casa Cornide.
Unha reflexión sobre a que tamén incidiu Carlos Babío, para quen non recorrer a sentenza é unha decisión “terrorífica” en termos de impunidade e de branqueo do franquismo e tamén un lastre en termos de “eficacia xurídica”. Pediu á Xunta e ao Estado que, “por hixiene democrática”, presenten recurso.
Preguntada pola proposta de usar o Pazo de Meirás en actos do 8M, Pontón considera que se trata dunha “provocación” do Executivo de Feixóo para eludir o verdadeiro debate, o de porqué o Goberno do PP non recorre unha sentenza que é un insulto á dignidade dos galegos e das galegas.