Ana Pontón pregúntase se a caida do viaduto da A-6 está vinculado coa estafa das construtoras
“Podemos asegurar que a ponte da A-6 non se derrubou como consecuencia dun proceso de licitación das obras viciado e asentado nunha estafa?”, interpela
Ve sorprendente os Gobernos do PP e do PSOE non detectaran unha fraude que durou décadas, e insiste no pacto de silencio ante a caída do viaduto
Considera que hai que aumentar as sancións até facer inviable a estafa
A portavoz nacional, Ana Pontón, cualifica de ataque á democracia o feito de que as seis grandes construtoras do Estado leven 25 anos pactando a licitación de obra pública, en definitiva, “25 anos facendo trampa para repartirse miles de millóns de euros en contratos públicos”.
Para a líder do Bloque, que unha presa de multinacionais estafen a un Estado durante 25 anos, “marcando as súas propias regras”, evidencia que o sistema democrático “non funciona”, ao tempo que considera sorpréndente que, durante décadas, se producira “unha estafa masiva na contratación pública sen que nin o Goberno do PP, nin o Goberno do PSOE detectasen esa fraude a todos as persoas contribuíntes”.
A portavoz nacionalista destacou que en Galiza acaba de derrubarse un viaduto na A6, unha ponte que levaba 20 anos en funcionamento, construída precisamente por unha UTE integrada por dúas desas multinacionais sancionadas, FCC e ACS. “Estamos en condicións de asegurar que esta ponte non se derrubou precisamente como consecuencias dun proceso de licitación das obras viciado e asentado nunha estafa?”, interpelou Pontón.
Un mes despois dese derrube, “ninguén asumiu responsabilidades, e moito menos estas empresas ás que ninguén lles pide explicacións, por iso denunciamos un pacto de silencio PP-PSOE para protexer intereses que, desde logo, non son os dos galegos e galegas”. Para o BNG é evidente tamén que o sistema de control e sanción ante estas multinacionais non funciona e hai que cambialo, empezando por incrementar as sancións, para que estafar na contratación pública non sexa rendible.
“A Comisión Nacional da Competencia fixo un traballo de investigación loable, pero é evidente que 204 M€ de sanción a estas multinacionais é irrisoria en comparación cos beneficios multimillonarios que obtiveron, por iso hai que aumentar as sancións até que as multas fagan inviable a estafa”, alegou.
Finalmente, o BNG solicita ao Goberno do PP un inventario das grandes obras pública adxudicadas nos últimos 25 anos en Galiza, incluíndo orzamentos e empresas adxudicatarias. “Destapada a fraude, a cidadanía ten dereito a saber a contía das obras adxudicas a esas multinacionais multadas por estafa”, conclúe.