Ana Pontón pregunta a Feixóo “que máis ten que pasar para que rectifique os recortes na sanidade”
O deterioro da sanidade pública será obxecto da sesión de control de Pontón a Feixóo no vindeiro pleno
Cunha mobilización social e dos profesionais sen precedentes, co falecemento dun doente por falta de atención medica no PAC da Estrada, con dúas mortes no servizo do urxencias do CHUS que está investigando a Fiscalía, a portavoz nacional, Ana Pontón, pregunta ao presidente da Xunta “que máis ten que pasar para que mude a súa política de recortes e privatizacións na sanidade pública”.
O deterioro da sanidade pública será obxecto da sesión de control de Pontón a Feixóo no vindeiro pleno, despois de que o PP aplicase o rodillo parlamentario para vetar a solicitude de comparecencia do conselleiro de Sanidade, “escorrendo o vulto e evitando dar a cara ante a Cámara”, indicou Pontón, quen afeou a actitude do xefe do Executivo.
“Todo o mundo está equivocado ou minte excepto el, convertido en profeta da postverdade en posesión da razón e da verdade absolutas”, criticou a dirixente do Bloque. Ante a rebelión de profesionais, a Xunta responde cun contrato dun ano “que é un parche que mantén a precariedade laboral, como denuncian os propios facultativos”, e cunha enquisa telemática “que terá a mesma credibilidade que as enquisas do CIS”, ironizou.
“Coa saúde das persoas non se xoga”, salientou, por iso demanda do PP a reversión dos recortes, -2.000 M€ só en atención primaria-, un plan de choque con 200 M€ adicionais para atención primaria en 2019 e cubrir as 6.000 vacantes de profesionais de todo tipo no SERGAS.
Xunto coa sanidade, ALCOA e a perda de emprego industrial será a outra prioridade política do Bloque no primeiro pleno deste período de sesións, no que impulsará unha proposición non de lei para dotar a Galiza dun marco enerxético propio.
ALCOA, Meirama, Ferroatlántica e 8.500 empregos destruídos na industria só en 2018 dan conta da situación de emerxencia neste sector, nun país exportador neto de enerxía pero no que esta riqueza non redunda nun beneficio para Galiza.
Para mudar esta situación, o BNG fai unha proposta lexislativa con dous elementos clave: unha tarifa específica e estable para as empresas electrointensivas e unha tarifa eléctrica galega para reducir un 15% a factura da luz para as PEMES e as familias.
“Non podemos ter nin un só emprego en risco polo custe da electricidade”, salientou a portavoz nacional, Ana Pontón, “se Euskadi pode ter unha tarifa que lle permite aforrar 50 M€ anuais as súas empresas, por que en Galiza o PP veta esa opción?”, interpelou a líder do BNG quen confía en que “Feixóo apoie esta proposición de lei agora que o PP xa non ocupa a Moncloa porque é beneficiosa para crear emprego e acabar coa pobreza enerxética”.
Botar balóns fora
Esa tarifa específica para electrointensivas “non pode ser un cheque en branco, senón que debe estar ligada a un plan de investimentos e de creación de emprego por parte das empresas”, explicou, ao tempo que pregunta á Xunta e ao Goberno do Estado “que van facer para salvar ALCOA” despois dun acordo que só apraza os despedimentos e o peche da factoría até xuño.
“Seguir coa política da avestruz ou de botar balóns fora é o mesmo que comprar todos os boletos para acabar por pechar unha fábrica e poñer en risco un sector estratéxico como a produción de aluminio na área metropolitana da Coruña”, denunciou, “por iso, Xunta e Goberno central teñen que poñerse as pilas para buscar unha alternativa a ALCOA porque é obvio que o único que quere a multinacional e deslocalizar pese a ter o descaro de recoñecer que é rendible e que hai un déficit de produción de aluminio”.
“Non valen máis escusas porque non podemos seguir vendo como se desmantelan industrias e se perde emprego nun país como Galiza, exportador neto de enerxía, que debe aspirar a non vivir só do sector servizos”, concluíu. A proposición de lei do Bloque será debatida no pleno do próximo martes.