Ana Pontón: “O PP converte os Orzamentos no día da marmota, ano tras ano as mesmas promesas incumpridas”
Destaca o baixo nivel de execución en cuestións clave como sectores produtivos, fomento do emprego, I+D+I e os recortes en servizos básicos
Tacha as contas públicas de antisociais e sen proxecto de país, “propias dun Goberno acomplexado que non confía nas posibilidades de Galiza”
O BNG pediu a devolución do proxecto de orzamentos cunha emenda de totalidade ao considerar que as contas do Goberno de Feixóo para 2019 reiteran anuncios e medidas que, en aspectos clave, nunca se compren ou non se executan, convertendo os presupostos nunha repetición de titulares.
“A Xunta converte o debate dos orzamentos no día da marmota, ven ano tras ano co mesmo discurso, coas mesmas promesas e cos mesmos titulares”, sintetizou a portavoz nacional, Ana Pontón, “hai que reexaminar as prioridades e falar das persoas para saír deste día da marmota”, pediu, tras esgrimir as notas de prensa oficiais de orzamentos dos últimos anos para evidenciar o bucle de anuncios en sectores produtivos, emprego, I+D+i ou servizos públicos que se quedan en nada.
Os orzamentos son unha proxección, por iso a líder do BNG puxo o acento no nivel de execución real das contas públicas. “É baixísimo, síntoma dun goberno paralizado e sen capacidade”, denunciou. Así, e pese a que o emprego é anunciado como prioridade ano tras anos, “as cinco consellerías que poden incidir na creación de postos de traballo teñen un nivel de execución escaso”, salientou, por debaixo do 46% en Medio Rural, Consellería do Mar, Economía e Industria, Infraestruturas e Vivenda.
O mesmo nas partidas en I+D+i, ademais de estar moi por debaixo das ratios do entorno. O Plan galego de Investigación, innovación e crecemento ten un grado de gasto do 23%, a investigación universitaria non chega ao 14% e o apoio á modernización e mellora da competitividade é do 14,4%. “Son un goberno innovicida”, sentenciou.
As partidas de fomento directo do emprego volven ser puntos negros, apenas un 21% no programa de Mellora de fomento da empregabilidade, un 10% no de Formación de ocupados, un 25% no de Formación de desempregad@s. Como consecuencia perdéronse case 17.000 empregos só nos sectores primarios, ao que se suma a destrución de postos de traballo no comercio local, “cada día pecharon tres comercios en Galiza e, mentres seguen alimentando as grandes superficies”.
“Por moito que torturen as estatísticas” os orzamentos non están sendo unha ferramenta a favor do tecido produtivo, nin da I+D+i, nin do comercio local o que se traduce en emigración, desemprego e precariedade, decadencia demográfica. “Como poden dicir que imos ben cando estamos á cola en salarios e pensións, en recuperación do emprego, cando hai medio millón de galeg@s en risco de pobreza e con 270.000 persoas emigradas, como se desaparecera a cidade da Coruña”, interpelou Pontón.
A líder do Bloque tamén foi moi crítica co que as contas públicas reservan para os servizos públicos. En sanidade, “a intención era seguir deteriorando o sistema público cargándose a atención pediátrica en primaria”, denunciou, lembrando o recorte acumulado de 2.000 M€ desde 2009 “provocando un deterioro que leva a cidadanía á rúa, con centros de saúde ou tráxicos incidentes como o do PAC da Estrada”.
15.000 M€ de débeda
En Educación continúa a drenaxe de recursos do público ao privado, e en dependencia miles de persoas seguen sen recibir a prestación á que teñen dereito ou esperan anos por unha residencia, e a repetida promesa de sete residencias nas cidades tampouco estará en 2019.
Pontón indicou que este balance das contas públicas coincide cun nivel de débeda sen precedentes. “Deixan unha débeda de case 15.000 M€ que outros terán que pagar”, endebedamento que atribúe a un sistema de financiamento “insuficiente e discriminatorio, asinado por Feixóo”, á recentralización económica impulsada polo PP e a un sistema fiscal inxusto.
Os orzamentos tampouco atenden dúas demandas sociais expresadas masivamente nas rúas polas persoas pensionistas e polo movemento 8M. “Nunha década recortaron un 80% en igualdade e nada se fixo para que as pensións dos e das galegas deixen de ser as segundas máis baixas do Estado”, indicou.
“En resumo, son uns orzamentos antisociais e sen proxecto de futuro, que nos deixan unha Galiza en precario, con salarios baixos mentres se dispara a factura da luz, da gasolina ou do gas, que deixan un país no que a xente moza emigra e na que as persoas maiores soportan as pensións máis baixas. Amosan un goberno instalado na parálise que forma parte do problema cun presidente acomplexado que non confía nas posibilidades de Galiza”, sintetizou.
Un paternalista en Babia
Pontón lamentou que, como toda argumentación, o conselleiro de Facenda subise a tribuna coa súa habitual actitude paternalista dando a entender que o país está nunha boa situación. “Coa que está caendo fora, deber esta vostede en Babia”, criticou. Ademais, acusou a Valeriano Martínez de bordear o ”sadismo político” pintando un panorama de recuperación e bonanza, “unha falta de respecto coas persoas que se quedaron no camiño ou as que non chegan a fin de mes” despois de ver como se rescata á banca con 9.000M€ e só nese sector se destruían 5.000 empregos en Galiza.