Ana Pontón: “O PP aplica o rodillo na comisión da sanidade porque busca a absolución polos recortes”
Proposta conxunta das tres forzas da oposición para sortear o intento do PP de amordazar a investigación sobre os recortes e privatizacións, o incidente do PAC da Estrada e o caso da hepatite C
“O PP está bébedo de poder e pensa que o Parlamento está ao seu servizo”, denuncia Pontón
O BNG non está disposto a formar parte do “decorado democrático” no que o PP quere converter a Comisión de investigación da sanidade pública, e presenta unha proposta conxunta con En Marea e PSdeG para sortear o veto dos populares aos plans de traballo dos grupos da oposición.
“Non hai precedentes de aplicación do rodillo dunha maneira tan abraiante, porque o PP non quere unha comisión de investigación, quere unha comisión de absolución polo dano causado cos recortes e as privatizacións”, salientou a portavoz nacional, Ana Pontón, quen indicou que o plan de traballo conxunto con 44 comparecencias “é unha proposta de mínimos para que a comisión poda funcionar”.
“Non estamos en Black Friday, non se vai entrar nun regateo con PP porque é unha proposta de síntese e de mínimos para conseguir un plan de traballo que teña significado, que permita escoitar a todas as voces que son imprescindibles e, ao mesmo tempo, permita un funcionamento áxil da comisión”, explicou Pontón, tras lembrar que só o BNG presentou un plan de traballo inicial que incluía 80 comparecencias.
Para a líder do BNG, “o PP ten medo a que se escoiten no Parlamento voces autorizadas que levan tempo alertando das consecuencias dos recortes e das privatizacións na sanidade pública”, alegou, “por iso quere desvirtuar a comisión” vetando as comparecencias solicitadas pola oposición.
“Como se vai investigar as consecuencias de non dispensar medicamentos ás persoas afectadas pola hepatite C sen darlle voz a plataforma de afectad@s, como se vai investigar o falecemento dun doente no PAC da Estrada sen darlle voz nin a familia, nin aos profesionais do centro ou vetando a comparecencia de Eloina Núñez, xerente da área sanitaria e protexida do PP?”, interpelou.
A pretensión do grupo maioritario de impoñer o seu criterio ignorando ao resto das forzas parlamentarias “é unha anomalía democrática” e por iso, Pontón fixo un chamamento “á responsabilidade” do PP e de Feixóo para que mude a súa actitude “e non impoña unha única visión porque devalúa a democracia”.
“O PP está bébedo de poder e pensa que o Parlamento está ao seu servizo, pero debe estar ao servizo do pobo e, neste caso, a comisión de investigación está para escoitar voces críticas e ser útil ao seu obxectivo: Establecer as consecuencias dos recortes e das privatizacións e investigar dous casos singulares, a morte dun doente nun centro público por falta de atención médica e as persoas afectadas pola hepatite C que non recibiron os medicamentos necesarios. En definitiva, o obxectivo desta comisión deber ser preservar o dereito á saúde preservando a sanidade pública”, concluíu Pontón.