Ana Pontón pon en valor o traballo literario das mulleres lembrando a figura e legado de Begoña Caamaño
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón puxo hoxe en valor o traballo literario das mulleres e a súa achega á cultura galega no transcurso dun acto con escritoras para lembrar a figura e obra da escritora viguesa, Begoña Caamaño.
Tras realizar unha ofrenda floral no Parque Begoña Caamaño, a portavoz nacional do BNG mantivo un encontro con escritoras galegas en homenaxe e recoñecemento á escritora viguesa no mes de outubro, “mes no que ela naceu e no que tivemos que despedir a unha figura irrepetible e brillante” e cunha grande achega á literatura galega.
Pontón puxo en valor o traballo das mulleres escritoras galegas porque na cultura, dixo, ao igual que noutros ámbitos da sociedade, o sistema patriarcal fai que “se invisibilice a súa achega” e non se valore o seu traballo. Nós hoxe, recalcou a nacionalista, queremos recoñecer todo ese traballo no sistema cultural galego e a súa achega a unha literatura contemporánea renovada.
“Como muller, síntome orgullosa e representada polo traballo das escritoras galegas e o seu aporte á política onde seguimos precisando que o feminismo ocupe todas as actuacións e poñer no centro a denuncia de calquera forma de discriminación que nos impidan vivir nunha sociedade igualitaria”, afirmou.
Fondo Cultural Galego para a promoción da creatividade
A líder do BNG apelou a que os Fondos Nex Generation non “acaben nas mans de catro multinacionais” e que sexan utilizados para darlle potencia a noso país. Unha gran parte desa potencia, dixo, está na cultura e dende o BNG apostamos por destinar parte destes fondo á creación “dun Fondo Cultural galego” para darlle impulso a Galiza, a súa internacionalización e apoiar toda “a creatividade e talento”. Entre as iniciativas do Fondo Cultural Galego destacou “a posta en marcha do Instituto Rosalía de Castro, internacionalizar a lingua e cultura galega, bolsas para a creación e residencias literarias e artísticas que permitan impulsar o traballo literario das escritoras noveis con máis dificultades para acceder ao mercado editorial”.
A xornalista, poeta e académica, Ana Romaní abriu o encontro organizado polo BNG para lembrar a figura e obra de Begoña Caamaño e que congregou a máis de vinte escritoras galegas de diferentes xéneros literarios. Todas as asistentes coincidiron en destacar a aportación de Caamaño á literatura galega así como e seu activismo feminista e político. Ledicia Costas, Marga Doval, Inma López Silva, Marta Dacosta, Dolores Vilavedra, Lucía Aldao, Luz Darriba, Goretti Sanmartín ou Luz Fandiño, entre outras, salientaron as múltiples facetas vitais, profesionais e creativas da escritora viguesa e o seu traballo literario centrado na revisión da tradición. Neste sentido, a portavoz de Cultura e lingua do BNG, Mercedes Queixas salientou o activismo de Begoña Caamaño colocando sempre no centro “o seu compromiso reivindicativo” ao denunciar a marxinalidade do papel das mulleres na historia.